O BNG de Gondomar presenta a campaña “Mellor local, mellor galego, aposta polo noso”

O BNG presentou en Gondomar a súa campaña nacional de apoio ao comercio local que ten por lema “Mellor local, mellor galego; aposta polo noso”, e fai un chamamento a “consumir no comercio de proximidade” nestas datas de grandes compras e agasallos.

A campaña de apoio ao comercio local do BNG, que está a ser desenvolvida por todo o País, vai acompañada de propostas concretas, entre as que destaca a necesidade da posta en marcha dunha nova Lei do comercio local que regule horarios ou tempadas de rebaixas, pensando no pequeno e mediano comercio, superando a lexislación do Partido Popular “que está feita á medida dos grandes comercios”.

Por outro lado, o BNG tamén reclama axudas para a dixitalización e aposta por impulsar o comercio nos barrios, cidades e vilas, e por frear a creación de grandes superficies.

O PP favorece as grandes áreas fronte ao pequeno comercio

Segundo os nacionalistas, a construción de grandes centros e áreas comerciais supón un impacto máis aló dos propios límites do concello no que se instalen, entra en colisión co comercio tradicional e as superficies comerciais existentes, orixina unha maior decadencia das mesmas e ocasiona o peche masivo de comercios; ademais de arrasaren co comercio local, contribúen á perda de postos de traballo e á precarización do emprego no sector comercial.

Ante esta situación, “desde o BNG consideramos que a Xunta de Galiza debería desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais na Galiza, co obxecto de ordenar a oferta comercial e defender o comercio local e de proximidade”, expón Manuela Rodríguez, portavoz municipal do Bloque. E engade, “instamos ao goberno de Feijóo a aprobar unha moratoria mínima de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais en todo o territorio galego”.

O goberno municipal do PSOE dá as costas ao comercio local

Para os nacionalistas, así o demostrou en 2020 coa súa abstención diante da moción do BNG contra a instalación do macrocentro comercial do Celta en Mos, ou, máis recentemente, o pasado 29 de novembro co Alcalde en primeira fila apoiando a colocación da primeira pedra dunha nova superficie comercial no parque empresarial Porto do Molle en Nigrán. Mentres Ferreira sorría, o tamén socialista David Regades, delegado do Estado para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, explicaba claramente o futuro: “la gente va a venir aquí a comprar y acabará durmiendo en Baiona y Gondomar”.

“Apostar por grandes áreas comerciais a escasos quilómetros de nós, unha Vila onde cada vez hai máis locais comerciais pechados e cun goberno sen políticas reais de dinamización do comercio a nivel local e de consumo de produtos locais, é dar as costas ao comercio local, abandonalo”, lamenta Rodríguez.

A aposta e as propostas do BNG

Pola contra, desde o Bloque Nacionalista Galego, apostan pola dinamización do comercio e do emprego local a través da posta en marcha dun centro comercial aberto de ampla oferta e do apoio ao desenvolvemento de novas actividades económicas. E na liña do BNG de fomento da participación na xestión municipal, consideran necesaria a creación do Consello Sectorial do Comercio como órgano consultivo e de elaboración de propostas sobre plans, proxectos e iniciativas de actuación municipal no ámbito do comercio.

No que respecta á campaña actual, o BNG aposta por fomentar e incentivar o consumo de produto local e produto galego, porque xera riqueza e emprego e reforza o comercio sustentable. E a consumir estes produtos na nosa vila, porque é garantía da calidade e favorece a dinamización económica da nosa contorna”.

Nesa liña, fan un chamamento a galegas e galegos en xeral, e á veciñanza de Gondomar en particular, a que “todo o ano, e tamén agora nestas festas, apostemos por mercar no comercio local, como forma de apoiar o noso, especialmente importante en momentos de crise”.