O son das rondallas volve a Nigrán

O Concello de Nigrán e o Centro Cultural Parada do Miñor organizaron este domingo o II Festival de Rondallas do Val Miñor. Debido á choiva, o evento trasladouse ao Pavillón Municipal de Panxón, que se encheu de música e cor coas rondallas Santiago de Parada (Nigrán), A Merced de Chaín (Gondomar) e Galiñeiro de Vincios (Gondomar). Unha a unha, as tres agrupacións participantes, que sumaban preto de 200 compoñentes, 23 deles abandeirados, desfilaron pola pista do Pavillón, e tras o saúdo ás autoridades e a súa actuación, cada unha deu paso á seguinte co tradicional cruzamento de bandeiras. O alcalde, Juan González, entregou a cada rondalla unha placa conmemorativa do evento.

As rondallas son formacións musicais con gran tradición en todas as Rías Baixas e particularmente na comarca do Miñor. Baseábanse nunha formación de varios músicos profesionais de instrumentos de vento-metal, acompañados por un grupo de instrumentos de percusión tradicionais (castañuelas, charrascas, cristos, cunchas, pandeiretas, roucos…). Nos comezos, o repertorio constaba de pezas tradicionais como panxoliñas e pasodobres, pero a evolución fixo que cada vez se toquen menos este tipo de temas, deixando paso a un repertorio máis moderno, con pezas que van desde temas de rock ou pop nacional, bandas sonoras ou pezas máis comerciais.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.