O Club Baloncesto Nigrán “encesta” máis de 300 quilos de alimentos e produtos de hixiene

O Club Baloncesto Nigrán tivo que modificar o seu tradicional Torneo do Nadal “Encesta un alimento” para adaptalo ás novas circunstancias debidas ao gran incremento de casos nos últimos días polo Covid 19 suspendendo as competicións, pero non a recollida de alimentos, obxectivo principal do mesmo. Durante dous días, en horario de mañá e tarde recolleron no Pavillón Municipal de Panxón coa axuda dos seus xogadores e xogadoras máis de 300 quilos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene persoal.

Todas as persoas que acudiron ao Pavillón para entregar alimentos foron obsequiadas cunha medalla e unha rifa para entrar nos sorteos de diferentes premios, que se sortearon durante o acto de clausura. Todos os asistentes tiveron ademais a oportunidade de conseguir unha rifa extra se encestaban un tiro libre ou dous máis no caso de que fose un triplo. Entre os asistentes durante a xornada deste xoves e para achegar os seus alimentos estiveron o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado de diferentes concelleiros.

Ao acto de clausura asistiron as concelleiras de Igualdade e Asuntos Sociais, Patricia Diego e Bibiana Fernández, ás que se lles fixo entrega de todo o recadado para que sexa repartido entre as familias de Nigrán con menos recursos. Desde o club queren expresar o seu agradecemento a todas as persoas que asistiron ao Pavillón e axudaron nesta iniciativa dando unha vez máis unha marabillosa lección de solidariedade.