O IEM entrega o I Premio de Investigación “Val de Miñor” a Xosé Luís Mosquera Veleiro

O Instituto de Estudos Miñoráns entregou este martes o I Premio de Investigación “Val de Miñor”, convocado en colaboración coa Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, e que ten como obxectivo recoñecer o labor investigador realizado no ámbito territorial do Val de Miñor e ao mesmo tempo contribuír ao fomento das vocacións investigadoras nos estudantes do ensino secundario.

Resultou gañador Xosé Luís Mosquera Veleiro, veciño de Gondomar, pola súa obra “O Val de Miñor durante a Segunda República (1931-1936)”. Ademais, o xurado concedeu un accésit a Elena Crespo Fernández, tamén de Gondomar, polo seu traballo “A represión franquista en Gondomar”. A dotación do premio é de 3.000 € e a súa publicación para a obra gañadora, e de 1.000 € para o accésit e a publicación dun resumo na Revista de Estudos Miñoráns REM.

No acto tamén se anunciou a convocatoria da segunda edición, na que se animará aos mozos investigadores dos cursos de bacharelato e FP dos institutos e aos da Universidade, para que sigan avanzando nos estudos locais e a outros investigadores que teñan entre as súas investigacións traballos centrados na nosa comarca.