Baiona retirará a simboloxía franquista de tres fontes municipais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Patrimonio e do departamento de Memoria Histórica, axudará a seis concellos da provincia (Baiona, A Guarda, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e Salceda de Caselas) a retirar simboloxía franquista de diferentes construcións no seu espazo público.

O Concello de Baiona aproveitará a axuda de 2.032,63 euros para eliminar simboloxía de tres fontes de titularidade municipal ubicadas en diferentes parroquias: a fonte de Alférez Barreiro, a de Subida da Rocha e a de San Antón. A fonte de Alférez Barreiro ten unha estrutura de pedra que na parte superior ten unha ornamentación clásica que inclúe gravado o escudo falanxista do xugo e as frechas e a inscrición “Restaurada por JAM” 1950, referente á inclusión do símbolo por parte das Xuntas de Acción Municipal no devandito ano. Actualmente o escudo falanxista atópase riscado cun esprai negro.

A fonte da Subida da Rocha ten un gravado falanxista na lousa que forma o corpo central, xunto á inscrición JAM 1952, referente á restauración da fonte e á inclusión por parte das xuntas, estando tamén o escudo tapado por esprai vermello. Finalmente, a fonte de San Antón, é unha fonte tradicional dentro dunha estrutura de nova construción (década do 2000) en semellanza dunha torre medieval. A pesares da renovación sobre a estrutura orixinal da fonte atópase unha pedra co escudo falanxista e a inscrición “JAM 1949”, tamén tapado con esprai vermello.

En todas estas construcións faranse traballos de desbastado da pedra ata alcanzar a superficie lisa e farase un abuxardado da superficie. Instalarase un escudo do Concello de Baiona en bronce no primeiro dos casos.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse satisfeita do resultado da nova liña de axudas. Quixo subliñar a valentía dos concellos solicitantes para cumprir coa Lei de Memoria vixente, e salientou que abrirán camiño para que en vindeiras edicións sexan máis os municipios da provincia que se interesen en erradicar as conmemoracións ou lembranzas do franquismo que aínda se conservan. Destacou a nacionalista que a importancia das actuacións non está no seu custe económico, senón na simboloxía e no interese amosado desde os gobernos locais por retirar elementos que están vencellados coa ditadura e por cumprir os principios de “verdade, xustiza e reparación”.

As subvencións da Deputación podían destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

Na meirande parte dos casos, as retiradas de simboloxía corresponden a elementos relacionados coa Falanxe (FET e das Jons), o partido único do réxime franquista que deu paso posteriormente ao Movemento Nacional, e que foi parte da estrutura do réxime e da represión exercida sobre a poboación durante a ditadura. Tamén hai elemento das Xuntas de Acción Municipal (JAM), que foron grupos dependentes da Falanxe formados en barrios ou pequenas poboacións co obxecto de levar adiante accións sobre o terreo e promover e exaltar o ideario falanxista e franquista entre a veciñanza.