Xornada formativa sobre a impresión 3D no CPI Cova Terreña

O pasado xoves o alumnado de 4º de ESO do CPI Cova Terreña desfrutou dunha xornada formativa sobre a impresión 3D organizada polo departamento de Tecnoloxía. Dende a empresa Rysia Impresión 3D de Vigo, dous profesionais do sector desprazáronse ata o centro con tres modelos diferentes de impresoras 3D valorizadas dende 500€ ata os 3000€.

O obradoiro estruturouse en varias seccións. En primeiro lugar explicouse que é unha impresora 3D, os elementos fundamentais que a compoñen, o seu funcionamento para a fabricación de pezas a partir da deposición das capas de material (fabricación por adición) e os diferentes materiais que pode empregar. Tras familiarizarse coa máquina é importante coñecer os softwares que nos permitirán comunicarnos coa impresora. En primeiro lugar comézase cun software de deseño (Tinkercad, Onshape) para fabricar a peza. Unha vez finalizada precísase un software de capas (Ultimaker Cura) para configurar os parámetros de impresión e transformar o arquivo a un formato lexible pola impresora, cuxo obxectivo é dividir o deseño en capas diferentes.

O alumnado puido poñer en funcionamento as impresoras e imprimir algúns dos deseños que eles mesmos crearan na clase de TIC, previa nivelación e posta a punto das máquinas.

Por último se expuxeron algúns dos problemas de impresión máis comúns e como solventalos, así como algunhas indicacións de mantemento básico das impresoras.

Aínda que as impresoras coas que se traballou soamente utilizaban un tipo de material, o PLA, dende a empresa trouxeron unha ampla variedade de pezas impresas por eles mesmos fabricadas con diferentes tipos de materiais: como algúns con propiedades elásticas, con contidos metálicos e pétreos e imitacións a outros materiais como a madeira ou a goma.