Nigrán aproba un orzamento de 15’5 millóns de euros para o ano 2022

O goberno de Nigrán aprobou en sesión plenaria, e sen ningún voto en contra, o orzamento para o ano 2022, un documento con gran similitude ao aprobado no 2020 e que estaba prorrogado. Así, as contas ascenden a 15.583.996 € tendo en conta que nesta cifra están os investimentos de 1.818.754 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que inclúen desde un plan de asfaltados (702.800 €) ao saneamento de Carreiro e Carousa (141.631 €), a restauración de 7 lavadoiros (128.959 €) ou a mellora do paseo marítimo de Panxón (122.332 €). Os investimentos con fondos propios suman 327.000 € e estarán destinados a abastecemento e saneamento, accesibilidade, beirarrúas, seguridade viaria, parques infantís, zonas verdes…

“Trátase dun documento vivo que iremos modificando ao longo do ano se hai necesidade, pero o importante é que a situación económica de Nigrán é envexable, con débeda 0, sen ningún crédito e sen necesidade de subir impostos para atender á veciñanza”, subliña o alcalde, Juan González, quen destaca entre as novas partidas un plan de formación por 80.000 €, 10.000 € para as comunidades de augas, 70.000 € para a desinfección extra dos colexios ante a Covid-19, un programa de terapia canina no CEE Juan María por 12.000 € ou tamén como novidade “Ledicia Cativa” nos convenios de colaboración que se veñen realizando con entidades como Fundación Menela, CEE Juan María ou Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. “Polo demais é un documento moi similar, que mantén as mesmas partidas porque no 2020 funcionaron ben, pero que está suxeito a cambios ao longo do ano para responder de verdade ás necesidades da veciñanza, máximo neste contexto de incerteza sanitaria”, incide o rexedor, quen destaca o aumento do capítulo destinado a “Persoal” do Concello ao ter aumentado en 30 persoas o número de traballadores municipais en departamentos como Urbanismo, Vías e Obras, Servizos Sociais, Deportes ou Tesourería, ademais de terse aprobado a histórica Relación de Postos de Traballo que permite mellorar os salarios dos máis prexudicados ata agora.

Novamente, o gasto social é o sinal de identidade do documento asignándose 540.000 € a Axuda no Fogar, 30.000 € para o programa municipal de estimulación cognitiva para as persoas con demencia, 25.000 € a emerxencia social, 35.000 € para gastos diversos en Servizos Sociais…

“En resumo, a súa aplicación permitirá seguir mantendo os servizos municipais, con especial atención a aqueles destinados a sectores da poboación con menos recursos e tamén os vinculados co aporte e fomento de actividades que creen emprego ou beneficien á economía local”, resume o alcalde.