Nigrán inaugura o luns a exposición sobre a novela gráfica “Kartoffel” dos irmáns Trigo

O Concello de Nigrán inaugura este luns 20 de decembro ás 20:00 horas na nova biblioteca a exposición “Kartoffel” cunha vintena de debuxos orixinais da novela gráfica baixo este título dos irmáns Ramón e José Trigo (ilustración e guión respectivamente) e que estarán presentes para falar cos asistentes. Prologada polo alcalde de Nigrán como historiador e persoa que forneceu de documentación aos autores, está ambientada na comarca de Vigo no 1943 e mestura historias de contrabando, espionaxe e relación do réxime de Franco cos nazis. Na mostra exhibiranse tamén documentos gráficos auténticos e inéditos que contribúen a subliñar a veracidade do marco histórico e a reforzar a complicidade co lector.

“O Reichsführer Heinrich Himmler, xefe das SS, na súa oficina en Berlín, asina unha orde para que Otto Ranh dirixa unha misión de espionaxe en Vigo…” e a partir de aí discorre unha trama que se traslada a escenarios como o esteiro de A Foz, A Ramallosa ou “A volta dos nove” en Baredo, con parada na casa do alcalde Juan González, quen entrega a documentación da “operación Kartoffel”. En definitiva, a novela gráfica incorpora Galicia a un imaxinario, o da II Guerra Mundial, mostrando un pasado incómodo de conivencia entre a Galicia do franquismo e o réxime Nazi.

A mostra estará aberta o 21, 22, 23, 27, 28 e 29 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro de 11:00 a 13:00 horas e de 17:30 a 19:30 horas.