O PP de Baiona solicita ao tripartito unha segunda convocatoria de axudas aos sectores afectados pola pandemia

O PP de Baiona apoiou desde o inicio a repartición de axudas directas aos sectores afectados pola pandemia e así o deixou de manifesto no pleno do pasado mes de abril no que demandou que se ampliasen a outros sectores tamén prexudicados como o dos salóns de peiteado. Pero, como tamén expresou nesta sesión, o tripartito debía de seguir traballando na disposición do diñeiro que finalmente non fose xustificado polos beneficiarios para sacar adiante unha nova convocatoria. Con todo, non o fixo e tras case un ano de espera os establecementos beneficiarvos apenas recibiron 500 euros, menos da metade que os afectados dos concellos da contorna nos que as axudas superaron os 1000 euros e cuxos gobernos locais xa preparan unha terceira convocatoria.

Ante esta situación, o grupo municipal popular volve reclamar ao tripartito de Carlos Gómez a apertura dunha nova liña de subvencións directas cos 50.000 euros sobrantes da partida inicial e a ela some os case 50.000 euros que a Deputación repartiu aos concellos a mediados deste 2021 para sufragar gastos do Covid-19, entre eles estas axudas directas, e que o goberno local de Baiona gardouse e non repartiu. “Todo o contrario ao que fixeron a maioría dos concellos do sur da provincia de Pontevedra para axudar ao tecido económico local”, lamentan.

Cabe lembrar que o PP de Baiona sempre estivo disposto a colaborar co Concello na elaboración de plan de reactivación tras os danos económicos provocados pola pandemia e ata en dúas ocasións presentou ao tripartito un paquete de medidas de dinamización que nin sequera foron tidas en conta polo executivo local. Aínda así, os populares apoiaron calquera iniciativa que beneficiase ás familias e as empresas locais. “Pódese facer máis e o tripartito ten que poñerse a traballar xa”, conclúen.