“Bule Bule” dá unha nova vida á Praza Rosalía de Castro

A Praza Rosalía de Castro de Nigrán estrea unha das iniciativas máis orixinais e que outorga unha imaxe renovada a este enclave converténdoo nun auténtico mercado invernal que fusiona artesanía, comida e música.

Máis de vinte postos chegados de diferentes puntos de Galicia compartirán espazo ata mañá domingo 19 de decembro con empresas locais e produtos tales como cerámica, coiro, moda, ilustracións, abelorios, xoguetes ou produtos de deseño, entre outros. O refuxio de animais “La Isla de Tali” da Ramallosa tamén estará presente vendendo calendarios para recadar fondos dando a súa tinguidura solidaria ao evento. Tamén contará cun punto de venda dos Centros Escrava da Virxe Dolorosa, EVD, Galicia e as súas esponxas vexetais de luffa. O espazo dedicado a hostalería correrá por conta da cervexeira autóctona Trisk-Ale-Banda e Chupipostres coas súas creacións doces e salgadas. Así mesmo JuanMaríaByLolola, a firma de roupa nada froito da colaboración nada entre o CEE Juan María e a deseñadora viguesa Lola Ronda, completará a listaxe das entidades miñoranas presentes.

A cita bautizada como “Bule Bule” conta coa colaboración do Concello, a asociación de comerciantes Ovalmi e está organizada por “Brétema Studio”, unha empresa creada polos veciños Bárbara Ceballos e Mark Aguiar. O mercado de Nadal deu o seu pistoletazo de saída ás 18:30 horas de onte co aceso da súa iluminación do Nadal. Os postos cedidos polo Concello de Baiona e traídos directamente da Festa da Arribada outorgaron un aspecto nunca visto a este espazo que parece haber rexuvenecido. “O obxectivo é ter un mercado de inverno que de vida a esta praza do mesmo xeito que ao resto do centro urbano”, explicou o alcalde Juan González. Precisamente, a súa disposición permitiu configurar o evento de dentro cara a fóra, concentrando a maior parte dos vendedores na parte central da praza e ao resto polas rúas transversais.

Dúas horas despois da súa posta de longo, ás 21:30, a música entrou en escena coa actuación de “Black Label Dúo”; hoxe sábado Amparo e Hadrián Rivas ofreceron dous concertos, o primeiro, sesión vermú, ás 12:30 e o segundo ás 21:30 horas. Mañá domingo no mesmo horario será a quenda de “The Twinpims”. Antes do último se levará a cabo o sorteo dunha cesta cunha caixa chea de produtos de todos os postos participantes.