A Plataforma Gondomar, Fibra Xa! logra activar propostas de operadoras que ofertan servizos de Internet alternativos

As accións e a actividade que está a levar a cabo a Plataforma Gondomar, Fibra Xa! para reclamar o acceso a un servizo de internet funcional e actualizado para todo o concello está a chegar a oídos de distintas compañías do sector, interesadas en facer estudo da situación e preparar os seus plans comerciais de despregamento de servizos para unha poboación totalmente carente e desamparada polas administracións públicas.

O pasado luns mantiveron un encontro con Vanessa Cota, Directora Comercial da compañía Eurona. Esta operadora oferta conectividade a internet no 100% do territorio empregando tecnoloxías de satélite (ata 100mbps), 4G e fibra óptica (FTTH) a través de calquera operadora de fibra instalada. Nelo Penide, voceiro da plataforma veciñal, explicoulles a situación xeral de cobertura no concello así como outras particularidades locais, a situación das zonas máis altas e máis afastadas do centro, ou as necesidades dos diferentes sectores no rural gondomareño. Pola outra banda, a empresa anunciou a posta en marcha dun plan comercial para darse a coñecer na zona e ofertar melloras na conectividade en todo o concello e especificamente nestas zonas máis complicadas.

Nelo Penide manifestou que “por suposto é moi interesante que as distintas operadoras contemplen a situación de desatención na que se atopa Gondomar co tema do internet e se propoñan levar a cabo os seus plans comerciais, que vaia chegando un certo nivel de competencia comercial. Isto en último termo vai ser beneficioso para a veciñanza, e unha solución a curto prazo para as zonas que máis tempo han tardar en entrar en cobertura de fibra”.