Investigan a unha muller que sufriu un accidente tras conducir en sentido contrario pola AP-9, a A-55 e a AG-57

A Garda Civil investiga penalmente a unha veciña de Vigo, por conducir en sentido contrario pola autoestrada AP-9 e nos tramos das autovías de Vigo-Tui e Baiona-Puxeiros. A condutora, de 65 anos, deu resultado indiciario positivo en drogas, cando foi interceptada por unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil, despois de desobedecer o sinal de alto, nun intento de detención do vehículo.

A secuencia dos feitos comezou sobre as 02:55 horas do pasado martes cando a Central Cota da Garda Civil de Pontevedra ten coñecemento, a través do servizo de emerxencias do 112, de que un vehículo, circulaba sentido contrario pola AP-9 en dirección Coruña pero facéndoo polos carrís sentido Tui (PO). Apenas unha hora máis tarde recíbese outra alerta informando de que o mesmo vehículo circulaba en sentido pola autovía A-55 (Vigo-Tui), á altura do p.k. 14,00 sentido Vigo, pero polos carrís de Tui. Á altura do Seminario de Vigo desobedeceu os sinais de alto dunha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño e deuse á fuga.

Momentos despois, recibiuse un novo aviso de que circulaba en sentido contrario pola autovía AG-57 (Baiona-Puxeiros), polo p.k. 17,00, na localidade de Vincios e de novo pola AP-9, á altura do quilómetro 140,00, sentido Tui, polos carrís da Coruña. Finalmente puido ser interceptada ao sufrir un accidente na AP-9, á altura de Vigo. Cando circulaba polo quilómetro 152,800, sentido A Coruña, provocou unha colisión lateral con outro turismo, resultando as dúas condutoras e únicas ocupantes feridas leves.

A condutora, que circulaba en sentido contrario ao estipulado, resultou ferida leve sendo trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Tras ser sometida á realización das preceptivas probas de alcol/drogas, lanzou un resultado negativo na proba de alcoholemia e positivo indiciario no test de drogas, no principio activo de THC.

Por todo iso, o Equipo de Atestados do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, investigou penalmente á condutora causante do accidente como presunta autora dos supostos delitos de condución temeraria (por conducir en sentido contrario ao estipulado), desobediencia aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións e condución de vehículo de motor baixo a influencia de substancias estupefacientes.

As dilixencias remitíronse ao Xulgado de Instrución de garda de Vigo.