Mercado de Nadal e panxoliñas nas rúas de Gondomar

Gondomar respira o espírito do Nadal e o seu programa cultural este fin de semana lembraranos o preto que están xa as festas do Nadal. A Praza da Paradela converterase este fin de semana no escenario da II edición do Mercado de Nadal do municipio, que o sábado acollerá o tradicional Certame de Corais de Panxoliñas.

Tras o parón obrigado pola pandemia hai un ano, o Auditorio Municipal Lois Tobío acollerá este sábado, 18 de decembro, a partir das 20:30 horas unha nova edición do Certame de Panxoliñas “Concello de Gondomar”. Sobre o escenario a Coral Polifónica “Santa Eulalia” de Donas e a coral de San Vicente de Mañufe, que interpretarán, como é tradicional, os seus propios repertorios, e unirán as súas voces nas pezas finais, elixidas para a ocasión.

Xa o domingo 19 de decembro, a partir das 11:00 da mañá e ata a 19:00 horas, a Praza Paradela acollerá a celebración da II edición do Mercado de Nadal no que participarán un total de 21 postos, decorados para a ocasión, nos que se poderán adquirir produtos de diferente índole como roupa, xoguetes, libros, artesanía ou mesmo coñecer o labor que desenvolven asociacións como a de Baisenpulgas.

Mañá de festa que estará amenizada polo pasarrúas que realizará a Rondalla AVV Galiñeiro de Vincios que sairán desde a Alameda de San Bieito para baixar pola rúa principal ata chegar á Praza da Paradela onde interpretarán unhas pezas.