O Concello de Nigrán recuperou este domingo a Festa do Mexillón, que hai más de dez anos se celebraba como preámbulo do San Xoán, co obxectivo de poder cumprir os requisitos para solicitar a declaración de festa de interese turístico.
Grazas á colaboración da Comisión de Festas, o Concello retomou este evento gastronómico no que se ofreceron de xeito gratuíto e a partir das 11:00 horas na lonxa do porto pesqueiro 500 kg de bivalvo cocido, ademais de viño branco e tinto. Nada máis abrir a porta xa tiveron os primeiros asistentes.
“O obxectivo é promover entre a veciñanza o consumo deste marisco que, precisamente, se cultiva nas nosas augas, e ao mesmo tempo recuperamos unha festa que anuncia a proximidade do San Xoán”, explicaba o alcalde, Juan González.
Repartíronse máis de 1.500 racións de mexillóns. Asistiron veciños de Nigrán e arredores, ademais de turistas franceses, italianos e ata un grupo da asociación ASPNAIS de Lugo. “Pechamos a porta ás 14:50 horas despois dunha longa xornada sen parar, a cola excedía a porta do restaurante Beiramar”, destacan desde a Comisión de Festas.
Tampouco faltou ao evento o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado pola concelleira de Festas, Cristina Dosil.
As tradicionais festas de San Xoán celebraranse do 23 ao 25 de xuño en Panxón, vivíndose o día grande a noite do 24 de xuño coas tradicionais fogueiras nunha edición na que estará expresamente prohibido e perseguido o feito de facer buratos na praia, polo que haberá un operativo especial de vixilancia.
Diferentes orquestras poñerán ritmo ás noites do 23, 24, 25 e o día 26 se celebrará o Día do Neno. Como é habitual, a noite do 25 de xuño terá lugar a tradicional tirada de fogos de lucería desde o porto de Panxón e tampouco faltarán á cita a Coral Novos Aires de Nigrán (misa cantada do día 25) e a Banda Militar da Brilat.





