Nigrán ofrece desde o venres ao domingo o seu primeiro Mercado de Nadal

O Concello de Nigrán organiza desde a tarde do venres 17 de decembro ao domingo 19 o seu primeiro Mercado de Nadal na Praza Rosalía de Castro, bautizado como “Bule Bule”, co obxectivo de dinamizar o comercio e ofrecer un ambiente festivo no núcleo urbano do municipio. O evento quedará oficialmente inaugurado o venres ás 18:30 horas co acendido do alumeado nesta Praza por parte do alcalde e de representantes de Ovalmi, entidade que tamén colabora. Durante os tres días haberá concertos en sesión vermú e pola noite.

“O obxectivo é ter un mercado de inverno que lle outorgue vida a esta praza e, consecuentemente, a todo o centro de Nigrán”, explica o alcalde, Juan González, quen destaca que a empresa Brétema Studio que organiza o evento está formada por dous mozos de Nigrán, Bárbara Ceballos e Mak Aguiar, de 24 e 29 anos respectivamente.

Deste xeito, a Praza Rosalía de Castro se transformará nun auténtico mercado de artesáns vidos de toda Galicia cunha vintena de postos moi diversos: desde cerámica, a coiro, ilustracións, moda, abalorios, xoguetes e demais produtos de deseño, etc. O ámbito gastronómico contará coa presenza das empresas locais de Trisk-Ale/Banda (cervexas) e Chupipostres con alimentos doces e salgados. A maiores, estará presente “La isla de Tali” cun posto destinado a obter recursos para o seu refuxio de animais no Miñor, JuanMaríaByLolola cos últimos deseños desta firma de roupa do CEE Juan María, e EVD Galicia vendendo esponxas vexetais de “Luffa”. Os concertos serán o venres ás 21:30 con Black Label Dúo, sábado ás 12:30 e 21:30 con Amparo e Hadrián Rivas e o domingo nos mesmos horarios con The Twinpims. O domingo, antes do derradeiro concerto, sortearase a rifa co premio dunha caixa chea de produtos de todos os postos.