O PP de Gondomar considera “do máis absurdo” pedir pantallas acústicas na PO-331 e na PO-340

O PSOE de Gondomar levou ao pleno deste pasado xoves unha moción sobre os mapas estratéxicos de ruído publicados no 2012, con 3 tramos na PO-331, un na PO-340 e outro na AG-57 entre a Pasaxe e Vilaza. Considera o goberno municipal que non se dá cobertura a todas as vivendas afectadas polo ruído e que os estudos na AG-57 son insuficientes e puntuais. Piden na moción que se amplíen os estudos e que se poñan pantallas acústicas na AG-57, e nas estradas autonómicas PO-331 e PO-340, así como a elaboración dos plans de acción dos mapas estratéxicos de ruído.

“Con esta moción presentada polo concelleiro de Medio Ambiente, o goberno municipal presidido por Paco Ferreira vén demostrar por unha parte a falta de coñecemento, xa que os tramos dos eixos viarios sobre os que hai que realizar os estudos non son por capricho de ninguén, están determinados pola normativa en materia de ruído, baseada nunha Directiva Europea e a norma española que a traspón e desenvolve. Por outro lado demostra tamén a inacción do goberno municipal, xa que o pasado 26 de outubro de 2020 a Axencia Galega de Infraestruturas publicou no DOG un anuncio no que se sometía a información pública a actualización dos mapas estratéxicos de ruído, o mesmo anuncio foi publicado tamén no taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar durante 1 mes. Pero o máis impactante é que o Concello de Gondomar non fixo ningunha alegación a esta actualización e agora presenta esta moción para tentar tapar a súa inacción”, asegura Paula Bouzós.

O alcalde de Gondomar propón poñer pantallas acústicas na PO-331 dende Vincios ata Gondomar, e na PO-340 desde Couso ata A Ramallosa, dúas estradas convencionais con vivendas ao pé da estrada. Para o PP, as pantallas teñen sentido, cando son necesarias, en vías de alta capacidade. “En estradas convencionais o que ten sentido son medidas de calmado de tráfico como a glorieta da Pasaxe ou as actuacións que se propoñían para o tramo de Vincios e que o concello foi incapaz de xestionar cos veciños”, afirma a súa voceira.

Insiste Bouzós en que o PSOE de Gondomar o que ten é “moito cinismo con esta moción xa que o Ministerio de Fomento dispoñía de máis de 10.000 millóns de euros para mobilidade sostible dos fondos extraordinarios Next Generation reservándose a meirande parte para a implantación de medidas contra o ruído nas estradas da súa competencia e non permitíndollo ás Comunidades Autónomas. É dicir, que o Goberno de Madrid actúa de modo decisivo en contra do espírito desta moción”.

A comezos de ano vai saír a publicación dos Plans de Accións Contra os Ruídos, e dende o PP gondomareño agardan que nesta ocasión o goberno municipal faga o seu traballo, estude as medidas que se propoñen para as estradas autonómicas do concello e presente as alegacións pertinentes.

“O goberno municipal non sabe o que presenta, ou o que é peor, non alegou á información pública dos mapas de ruído que fixo a Xunta e quere esconder ese esquecemento con esta moción, deberían apolo menos informarse e documentarse minimamente antes de levala a pleno. Ademais as medidas que pide de poñer pantallas acústicas na PO-331 desde Vincios ata Gondomar e na PO-340 desde Couso ata A Ramallosa parécenos do máis absurdo que se pode pedir. O que debería pedir o PSOE de Gondomar é que o Estado permita destinar fondos europeos do Next Generation para este tipo de actuacións a Concellos e Comunidades Autónomas. O Partido Popular sempre está para velar polo ben dos veciños de Gondomar, pero é totalmente inadmisible que un goberno municipal con tantas dedicacións exclusivas non sexa quen de defender os intereses dos gondomareños e queiran tapar esta incompetencia cunha moción sen futuro, xa que o período para facer as alegacións xa rematou”, acaba dicindo a voceira do Partido Popular.