O BNG celebrará mañá mércores en Chaín a primeira mesa parroquial sobre o saneamento

O BNG de Gondomar celebrará mañá mércores ás 19:30 horas a primeira das mesas parroquiais de debate da súa campaña a prol do saneamento integral do concello. Esta posta en común coa veciñanza servirá para coñecer a situación do saneamento na parroquia e para recoller e trasladar propostas de mellora neste servizo municipal. Nas charlas farase exposición dos planos da rede de saneamento actual de cada parroquia e do número de vivendas conectadas á rede de sumidoiros.

En canto á información a respecto do número de vivendas que quedan fóra dela, o BNG denuncia que o goberno municipal, “nunha nova mostra de escurantismo e falla de transparencia por parte do alcalde”, non lles facilitou datos que teñen solicitado desde o mes de agosto, como o número de casas totais por parroquia e barrio que é fundamental para obter a porcentaxe de vivendas cubertas.

A seguinte cita será o luns 20 na parroquia de Peitieiros.