Nigrán instala nas praias “recolle-cabichas” elaborados por nenos e usuarios do Juan María

O Concello de Nigrán está a instalar en Praia América, Patos, A Madorra e Area Fofa “recolle-cabichas” artesanais feitos con material de refugallo por nenos que asisten aos obradoiros infantís do mercadiño de Praia América, estando os primeiros xa colocados na area, ao carón deste lugar. Ademais, dez unidades foron encargados ao Centro Juan María emprego e estarán xa listas esta semana. O Concello de Nigrán dá así un paso máis no seu empeño de apelar á responsabilidade da propia cidadanía para manter os areais limpos, máximo despois do éxito da campaña de concienciación #SanXoanSenLixo.

“O propio deseño, ademais dunha chamada de atención aos fumadores por parte dos nenos para que deixen a praia limpa, é unha invitación a reciclar e a respectar os dereitos medioambientais dos máis novos”, sinala o alcalde, Juan González. Así, os contedores colgan dun soporte de madeira (que está decorado con debuxos de peixes de cores) e consisten en botellas de PVC reutilizadas. O obxectivo é que a propia instalación do “recolle-cabichas” a pé de praia sexa unha chamada de atención á responsabilidade dos fumadores, ao marxe de que tamén é unha acción educativa.

As cabichas son xa a principal fonte de lixo mundial por diante dos envases, botellas e bolsas de plástico, segundo o recente estudio “Contaminación ambiental por colillas de tabaco. El tabaco de cuarta mano”, presentado recentemente polo doutor José Ignacio de Granda, coordinador da área de tabaquismo da Sociedad Española de Neumología y Cirugía Torácica (Separ).

“Temos que concienciar á xente de que as cabichas tamén contaminan o mar e a praia gravemente, de que hai que acabar coa mala costume de fumar e enterralas”, insiste González.

Un total de 4,5 trillóns de cabichas son tiradas cada ano ás rúas, ríos, area, bosques e no mar, o que ten unha grave repercusión no medio ambiente. As cabichas poden tardar entre 8 e 12 anos en descompoñerse totalmente. Estas acumulan parte dos compoñentes do tabaco, incluídas as sustancias químicas máis nocivas que se liberan en contacto co auga. Polo tanto, cando chegan aos ríos e, incluso, ao mar, desprenden ditas sustancias, o que supón unha grave ameaza para a biodiversidade.