A Policía de Baiona incide na colaboración como gran baza

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // O oficial Plácido Viéitez.

O oficial da Policía Local de Baiona, Plácido Viéitez, releva a Pedro Alonso na xefatura mantendo a súa categoría cos obxectivos inmediatos de dar continuidade ao traballo realizado polo inspector e de intensificar os protocolos de colaboración coa Garda Civil, que ata o momento Viéitez cualificou de “impecables” destacando as boas relacións que manteñen co Instituto Armado e co responsable do posto, Marcos Lago.

Agora coas festas do Nadal ao virar a esquina estarán moi atentos á evolución da pandemia e aos posibles cambios nas pautas dadas polas autoridades sanitarias que se producirán case con toda seguridade a partir do 18 de decembro. Con todo, adiantou que o plan é que os dous corpos incidan conxuntamente no cumprimento dos aforos tanto en hostalería como nos establecementos de lecer nocturno, así como dos horarios de peche, máscaras, ou o distanciamento social pero tamén nos controis de estrada ou botellóns. Outro dos puntos sobre os que actuarán, no caso de que as indicacións non digan o contrario, en que os hostaleiros cumpran coa petición dos certificados de vacinación aos seus clientes. “Vai dentro da demanda social e temos que dar cumprimento á legalidade sendo operativos”, aclara.

Actualmente o persoal de traballadores conta cun total de 10 axentes e catro auxiliares, ademais de cinco prazas vacantes que confía que saian a oferta en 2022. Outra das súas metas é o mantemento do servizo as 24 horas ou o logro de máis medios materiais para o corpo. O compatibilizar unha sistemática que é relativamente recente cos servizos habituais dos axentes tales como atención ao público supón un pequeno hándicap ao que tiveron que afacerse case por imposición. Nesta liña explicou que o máis importante é adecuar o labor do corpo ás necesidades da sociedade sempre desde o consenso e o diálogo entre as perspectivas policiais e políticas. “Hai que ter en conta o contexto pero coa premisa de ofrecer un traballo de calidade e no mellor ambiente posible”, incide.

Graduado en Ciencias Criminolóxicas da Seguridade Pública pola Universidade de Santiago, Viéitez conta ademais con varias titulacións relacionadas así como dúas mencións honoríficas concedidas pola Axencia Galega de Seguridade Pública. Comezou como auxiliar na vila alá por 1989 e en 1994 entrou como axente en funcións ata que logrou obter a praza de oficial en 2003. 19 anos despois Viéitez releva a Alonso no seu posto e optará á praza de inspector cando se convoque, segundo marca a norma nun prazo dun ano.