Coincidindo coa celebración do Día das Montañas, Daniel Fernández Cerzón propúxose este ano cubrir as seis cimas máis representativas do Val Miñor, Baixo Miño e Vigo, percorrendo unha distancia de 105 quilómetros de distancia e 2500 m de desnivel. Baixo o lema “Seis cimas, un xoguete” afrontou este domingo o seu novo reto co que busca incrementar o número de donativos na conta de “Gondoilusión”, campaña promovida polo Concello de Gondomar para garantir que nestas festas haberá xoguetes para os máis pequenos tamén nas familias máis vulnerables.
Ás 3:30 da madrugada comezaba esta aventura desde a Praza Paradela. “A noite era perfecta sen moito frío e despexada que facía que puideses observar as estrelas. Así chegaba a Monte Castelo e emprendía a baixada e subida a Monte Alba, onde nun par de ocasións perdinme un minuto pero retomei o roteiro. Agora tocaba o Galiñeiro impoñente, na subida brillaban ollos que enfocaba co meu frontal, ratos, cabalos, algún coello. E conquistaba a cima coas súas impresionantes vistas que fixo que me quedase un intre aparvado véndoas”, relata o mozo gondomareño.
“Rumbo ao Aloia, miúda subidiña esperábame, en metade do camiño un par de cans soltos reveláronseme pero aplicando algunha técnica típica do “Encantador de cans” non foi a máis. Chegamos á cima do Aloia xusto ao amencer, ¡impresionante amencer! E agora quedaban 37 kms ata o Tecla. Á altura de Tebra no monte cruceime con cazadores. Primeiro punto de inflexión. Vía o rastro de cartuchos (de metal e plástico) tirados polo monte. Por ese tipo de contaminación é a que tento eliminar con retos así, ¿tan difícil é collelos e tiralos onde procede?”, continúa contando Daniel.
“Chego ao Monte Santa Tegra e na súa cima fito á Groba, a miña última cima pero… que dura se fixo, 25 kms ata ela dos que 15 eran subida constante e os meus pés arden pero non hai gloria sen sufrimento, e conquisto o Alto da Groba e só faltan 12 kms ata Gondomar. O frío se encrudece e a baixada moi técnica xa de noite iluminada co frontal, últimas ramplas e a falta de 1 km vexo como un coche da Policía Local ségueme pola estrada, a primeira vez que me segue a policía ata que me falan e doume conta de que me escoltan ata a meta, curiosamente ese km foi o que máis rápido fixen”, remata. E por fin, ás 20:22 horas cruzou a meta entre aplausos da familia, amigos, o alcalde de Gondomar e a concelleira de Benestar Social, Paco Ferreira e Nuria Lameiro, e algún veciño.
“Hai días que se che quedan gravados na mente e sen dúbida este é un deles por tantas emocións que sentín. Case 17 horas en soidade, aínda que na distancia vos sentía a todos, lía as vosas mensaxes de ánimo e apoio. Quero dar as grazas a todos polo apoio e animarvos a seguir colaborando con Gondoilusión”, conclúe Daniel.
A campaña, promovida pola Concellería de Benestar Social coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais, converterá o recadado en vales que as familias beneficiarias do departamento municipal poderán trocar por agasallos nos establecementos colaboradores. Os interesados/as poden ingresar ou seu donativo na conta de ABANCA ES53 2080 5035 0230 4000 9345.





