Ciencia divertida e solidaria en Gondomar esta fin de semana

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Nova cita co teatro familiar esta fin de semana en Gondomar coa representación “Ciencia que alimenta”, este domingo 12 a partir das 12:30 horas. A recadación será totalmente solidaria ao destinarse ao programa “Gondoilusión”, cuxo obxectivo é garantir un agasallo para nenos e meniñas das familias máis vulnerables de Gondomar.

O prezo das entradas, que poderán adquirirse no Auditorio Lois Tobío o mesmo día da función, será de 4 euros, e os dous integrantes do espectáculo, Carlos Godoy e Cecilia Vázquez, confían en que “sexan moitos/as os/as que se animen a vir coñecernos e pasar un bo intre, porque iso dará un sabor moi moi solidario ás nosas receitas”.

Ambos serán os protagonistas da representación teatral “Ciencia que alimenta”, na que un mestre, a aspirante a mestra e unha despensa compoñen o escenario no que se desenvolverá a acción. Descubrimentos divertidos que poñerán sobre as táboas tamén unha realidade que existe como que a “ciencia non entende de xéneros e que tanto mulleres como homes poden gozar de ela”.

A programación da fin de semana tamén contempla a celebración da xornada “Fresh and Soul”, que terá lugar o sábado 11 de decembro entre as 10:00 e 12:00 horas. A actividade divídese en dous partes: unha charla sobre alimentación equilibrada e unha sesión de danza como elemento complementario para garantir hábitos saudables.

Os interesados en participar poderán facelo de forma gratuíta reservando a súa praza no correo taquilla@concellodegondomar.gal.