Aberto o prazo de solicitudes para participar no Certame de Comparsas de Baiona

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, dirixida por Miriam Mar Costas Iriarte, informa que este xoves se abrirá o prazo de solicitudes para participar no Certame de Comparsas de Entroido 2020. O prazo estará aberto do 30 de xaneiro ao 13 de febreiro, ambos os dous inclusive.

As comparsas interesadas en participar, poderán formalizar a súa solicitude a través da Sede Electrónica do Concello de Baiona, en caso de ser asociación legalmente constituída. No caso dos grupos informais, estes poden optar pola vía electrónica ou formalizar a inscrición na Oficina de Rexistro do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas.

O Concurso de Comparsas de Entroido terá lugar o domingo 16 de febreiro, con saída dende a Avenida Urbana de Sabarís, ás 17:00 horas, e finalizando no centro da vila. Baiona será este ano un dos primeiros municipios da comarca en festexar o Entroido.

A Concellería de Cultura destinará 6.500 euros para os premios aos/ás participantes nos actos programados con motivo do Entroido. Serán 900 euros para a comparsa gañadora, 650 para a segunda, 500 para a terceira, 400 para a cuarta e 300 para a quinta. Entre as demais comparsas participantes repartiranse o resto dos premios (3.750 euros), que se distribuirán de acordo co nº de compoñentes: de 81 a 100 (300 euros), de 61 a 80 (250 euros), de 41 a 60 compoñentes (200 euros), de 21 a 40 compoñentes (150 euros) e de 12 a 20 compoñentes (100 euros).

Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas que serán admitidas por rigoroso orde de Rexistro de Entrada. Deberán estar compostas por un mínimo de 12 persoas e participar no desfile organizado o domingo 16 de febreiro e no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa. (As comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda).

O Xurado estará integrado por persoas do mundo da cultura, o deporte, a música, ás letras, etc., designadas polo Concello de Baiona. Valorará o vestiario, máscaras, maquillaxes, etc. axeitados á temática que representen; a orixinalidade, inxenio, caracterización, instrumentacións, etc; a actitude no desfile acorde con motivo na exhibición; a calidade e creatividade na exhibición; e o número de compoñentes da comparsa.

Máis información no Departamento de Cultura ou no teléfono 986 385 921.

Anuncios