
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, remarcou hoxe o compromiso da Xunta cun desenvolvemento do sector eólico garantista e planificado, de modo que só sairán adiante aqueles proxectos que cumpran con todos os requisitos técnicos, xurídicos e ambientais.
Nunha interpelación no Pleno do Parlamento, Conde asegurou que a Xunta ten claro que o futuro do sector eólico en Galicia debe pasar por unha planificación ordenada, que permita achegar seguridade xurídica ao sector, ao mesmo tempo que dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural.
Con ese obxectivo, a Administración autonómica decidiu establecer unha moratoria de ano e medio, a partir do vindeiro mes de xaneiro, para poder tramitar coas máximas garantías os 275 expedientes que hai agora sobre a mesa e que suman 7200MW. Ademais, o 77,5% do territorio galego está blindado, posto que non se poden implantar parques eólicos en espazos da Rede Natura nin tampouco fóra das áreas do Plan sectorial eólico.
E, do mesmo xeito, a Xunta xa informou negativamente medio cento de proxectos tramitados polo Goberno central, que suman máis de 4000MW, e que non serían admitidos a trámite de seren presentados en Galicia.
Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, Conde destacou que a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aeroxerador; polo que, nun eólico de 200 metros, a distancia con respecto ás vivendas será dun quilómetro.
Xunto con isto, apuntou que se están impulsando diferentes ferramentas para achegar información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas: a rede de información provincial de proxectos eólicos, que leva 30 reunións cos concellos; a Guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico, dispoñible en web; e a Oficina de información a propietarios de terreos, para informar sobre métodos e criterios de valoración, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo.
Con respecto ao proxecto do parque eólico Albariño I, nos concellos de Baiona, Oia e Tomiño, asegurou que non está autorizado e que dependerá exclusivamente de se axusta ao que di a lei.
Transición enerxética e oportunidades
“Galicia é verde e será máis verde”, enfatizou o vicepresidente, para poñer en valor o compromiso da Xunta coas enerxías renovables e cunha transición enerxética que sexa sinónimo de transformación e oportunidades para a industria.
Nese sentido, nunha interpelación sobre o sector mineiro en Galicia, Conde recalcou que a Xunta defende un modelo de minería sustentable que permita o desenvolvemento industrial, con capacidade de xerar emprego de calidade e oportunidades no medio rural, á vez que é compatible co medio ambiente. No caso concreto da mina de San Finx, remarcou que a Xunta traballa co máximo rigor e que se están a exixir todas as garantías urbanísticas, ambientais e técnicas que establece a legalidade vixente. De feito, explicou que Augas de Galicia está a esixir que se garanta que a calidade das augas que emanan da mina sexan as que establecen os parámetros naturais.
Finalmente, preguntado sobre a situación do sector galego da automoción ante o desabastecemento de semicondutores, o vicepresidente económico sinalou que a Administración autonómica está traballando da man desta industria para que poida recuperar canto antes as cifras récord logradas o ano pasado en plena pandemia.
Conde lembrou que a Xunta remitiu hai poucos días un escrito ao presidente do Goberno no que lle traslada que Galicia está traballando en identificar novas oportunidades que permitan alcanzar as metas marcadas para o Plan europeo de semicondutores. E no que solicita que España manteña unha participación activa no deseño desta iniciativa, porque o desenvolvemento tecnolóxico e industrial do sector depende en grande medida dos incentivos que desde a Comisión Europea e desde o propio Goberno se poidan facilitar.
Segundo precisou, a Xunta leva investido máis de 200M€ nestes anos para situar a automoción galega na vangarda do vehículo conectado, autónomo e ecoeficiente. E nesta mesma liña vai seguir, dixo, acompañando o sector e velando por que o Goberno cumpra o seu compromiso de incluír o proxecto AutoÁncora no Perte de automoción.