Yayo Quesada expón a súa primeira retrospectiva en Nigrán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Yayo Quesada xunto a varias das obras expostas na sala habilitada na planta de cervexa.

A marca de cervexa miñorana Trisk-Ale comeza a súa nova etapa desde Porto do Molle rompendo moldes. Ademais de mostrar a todo o mundo o que fan sen andrómenas, á planta de elaboración e embotellado súmase un recuncho dedicado á arte onde o artista vigués “Yayo” Quesada loce a súa primeira retrospectiva tras cumprirse 20 anos da súa primeira mostra en Vigo alá polo 2001. Fiel á cita de Pablo Picasso “se sabes como vai quedar para que facelo”, o pintor afincado en Sabarís, Baiona, afirma que escapa das fotografías e a abstracción agarrándose con unllas e dentes ao surrealismo. E é que toda a súa obra parte dunha mancha que é a que lle vai ditando o resultado final das súas pinturas.

O detemento é a clave para apreciar as súas composicións, tras un breve espazo de tempo de observación, as figuras, recreacións ou personaxes comezan a xurdir aparentemente da nada pero que unha vez identificadas ven claras. “É unha técnica que sempre che sorprende porque pintar doutro xeito para min resulta un completo aburrimento”, afirma. Todo o reduce a unha incógnita e nin el mesmo sabe afirmar con seguridade o tempo que tarda en pintar un cadro, nin tampouco é partidario de dedicarse en corpo e alma a un só. “Gústame facer varios á vez, vou intercambiando e non teño nin idea do que podo chegar a tardar”, aclara.

A exposición aberta na nave 5E do parque empresarial ata o 17 de decembro exemplifica os diferentes períodos do artista e está composta por un total de 12 pezas pertencentes á súa colección privada, de amigos ou familiares, visibles para todo o mundo por duración indeterminada e que non están á venda. “Yayo” ou Alejandro Quesada pertence a unha estirpe de artistas onde os lazos de parentesco parece que non se acaban nunca, aínda que é algo do que non lle gusta presumir o certo é que o seu estilo está cargadísimo de personalidade.

A súa traxectoria comezou da man do seu tío Jaime que case lle obrigou a expoñer tras facer un mural en Ferrol. O resultado da súa primeira mostra traduciuse en que o primeiro día vendeuno absolutamente todo. A partir dese momento dedicouse a viaxar, estivo a vivir e expoñendo en Dublín, do mesmo xeito que en Berlín. Tamén pasou por Panamá ou Estados Unidos ata que decidiu regresar. O pintor recibiu as súas peculiares Belas Artes da man da súa irmá Marieta Quesada onde aprendeu as claves e trucos no seu estudo de Córdoba. Posteriormente co seu tío Antonio meteuse de cheo no mundo do óleo aprendendo as súas peculiaridades e coa que Yayo asegura sentirse moi cómodo.