A Área Sanitaria de Vigo presentou un manual do paciente oncohematolóxico

O servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Vigo vén de presentar un Manual do paciente Oncohematolóxico, primeiro destas características da comunidade galega. Trátase dunha publicación dirixida a pacientes e os seus familiares con información sobre as enfermidades oncohematolóxicas, a súa abordaxe e recomendacións de gran utilidade para afrontar o seu proceso.

Este Manual, avalado pola Sociedade Galega de Hematoloxía, é o resultado dun traballo multidisciplinar de especialistas en Oncohematología, Farmacia, Fisioterapia, Psicoloxía, Nutrición, e Enfermaría, tanto hospitalaria como de Atención Primaria. Ademais, na súa elaboración tamén participaron os propios pacientes, liderados pola hematóloga Sandra Suárez. Así, o Manual está orientado a dar resposta ás inquedanzas que os enfermos teñen expresando aos profesionais que os atenden, e sempre baseado en investigacións e estudos científicos que garanten os beneficios das recomendacións realizadas.

Segundo explica a xefa do servizo de Hematoloxía, Carmen Albo “cada día se dá maior relevancia á información clínica que se proporciona ao paciente nos servizos de saúde, xa que unha mellor compresión da enfermidade pode contribuír ao mellor desenvolvemento do proceso asistencial, mellorar a relación entre os sanitarios e o paciente e, polo tanto, mellorar a calidade do servizo prestado. Estamos convencidos de que a información é un dos factores máis importantes que poden axudar aos pacientes a afrontar con éxito todo o proceso de tratamento dunha enfermidade hematolóxica”,

Enfermidades complexas

As patoloxías hematolóxicas ou “cánceres do sangue” son un conxunto de enfermidades moi heteroxéneas; de feito, cada poucos anos, grazas aos avances na medicina, a clasificación destas enfermidades se actualiza, facéndose máis ampla e máis extensa. Leucemia, linfoma ou mieloma constitúen solo unha parte delas, e cada unha destas se asocia sempre a un apelido que as define en canto a prognóstico e necesidades de tratamento.

Por isto, dado que a información que se dá aos pacientes nun primeiro momento é moi complexa, decidiuse elaborar un Manual de uso sinxelo que facilite a comprensión da información ofrecida polos profesionais sanitarios. “Pretendemos explicar do xeito máis sinxelo posible en que consisten estas enfermidades, seus tratamentos, as súas consecuencias e o papel das emocións en todo o proceso; ademais de ofrecer consellos para poder mellorar a súa calidade de vida e afrontar todo o tratamento con éxito. Pero o Manual nunca poderá substituír á información facilitada polo persoal sanitario que, de ser necesario, axustará as indicacións xerais recollidas no mesmo, e realizará recomendacións concretas e personalizadas a cada paciente”, explica a doutora Albo.

Consellos útiles

Esta publicación está estruturada en apartados xerais onde se explican o sangue e os seus compoñentes, as enfermidades hematolóxicas, as principais probas diagnósticas e os tratamentos indicados, tanto na hospitalización como ambulatorios.

Tamén pretende resolver algunhas das preguntas e dúbidas máis frecuentes dos pacientes e coidadores. Por isto, contén consellos xerais que poden ser útiles durante o tratamento, de forma que axuden ao paciente a diminuír o medo e a ansiedade que pode provocar o diagnóstico, e lle permitan manter o máximo nivel de autonomía.

O diagnóstico e tratamento destas enfermidades pode supoñer un gran impacto emocional para aqueles que as padecen e o seu entorno. Someterse a continuas visitas médicas e sesións de quimioterapia pode afectarlles no seu ánimo así como nunha diminución das capacidades funcionais e físicas. Neste senso, o Manual contén apartados específicos sobre actividade física, dieta e nutrición, e aspectos psicolóxicos, en relación tanto co paciente como coa familia e coidadores.

Asistencia en Atención primaria

Na abordaxe destas doenzas a Atención Primaria é un piar fundamental, sobre todo unha vez que o paciente é dado de alta hospitalaria e toca iniciar a volta a casa. É importante que coñeza os servizos que se poden prestar no seu centro de saúde para diminuír o número de visitas a hospital e, sobre todo, ao servizo de Urxencias.

O texto orienta sobre as situacións nas que se pode acudir ao médico de familia ou aos profesionais de enfermaría de Atención Primaria. Tamén recolle relatos de pacientes explicando como teñen vivido esa “volta a casa” e as súas suxestións para mellorar esa progresiva adaptación.