Primeiros auxilios a cambio de alimentos en Nigrán

A Asociación de Búsqueda y Salvamento Ría de Vigo e Baixo Miño impartirá o vindeiro sábado 18 de decembro un obradoiro de primeiros auxilios e prevención de accidentes a cambio de alimentos non perecedoiros, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Trátase dunha actividade para recadar alimentos, que serán entregados aos Servizos Sociais do Concello de Nigrán e destinados ás familias máis desfavorecidas nestas datas. A inscrición é gratuíta e pídese a cambio que cada participante achegue 2 quilos de comida non perecedoira o mesmo día do obradoiro.

Esta acción estará impartida por enfermeiras e técnicos de emerxencias sanitarias pertencentes á Asociación, e dirixida a toda aquela persoa que queira aprender o que hai que facer ante unha situación de emerxencia, unha parada cardiorrespiratoria, un desmaio, un accidente infantil, intoxicacións, etc.

A formación contará con todas as medidas sanitarias necesarias e hai aforo limitado. As inscricións poden facerse ata o venres 17 de decembro no correo riadevigo@busquedaysalvamento.es ou no teléfono 616549638 achegando nome e apelidos, DNI e teléfono. Os participantes recibirán un diploma.