8.000 luces led iluminan o Mercado de Abastos de Baiona

O Mercado de Abastos de Baiona deu este sábado a benvida ao Nadal co aceso de 8.000 luces led e un brinde para celebrar as festas. Desde o mesmo sábado e ata o 6 de xaneiro, todas as compras optarán a entrar no sorteo de 300 euros en vales de compra no Mercado, xa que non se esixe compra mínima. Todas as compras e consumicións do bar tamén entrarán no sorteo, que se celebrará o 7 de xaneiro, para que os clientes poidan utilizalos a partir dese día e axudar ás familias na costa de xaneiro.

Sortearanse 30 vales, 5 vales de compra de valor 10 euros cada un, de cada posto. Estes vales usaranse nunha compra única, mínima deses 10 euros e no posto titular do vale. Se a compra é de importe inferior non se devolverá cambio en efectivo. Sortearanse 5 vales de Carnicería Cardiño, 5 de Peixaría Ana, 5 de Horta O Canizo, 5 de Daquí e Dacolá Produtos Varios, 5 de Papasol e 5 de Cociña Mercado.

Ademais están previstas diversas actividades durante estas festas. O xoves 23 de decembro o Mercado de Abastos de Baiona recibirá a visita de Papa Noel. O venres día 31 actuarán as Pandereteiras de Monteboi, e o mércores 5 de xaneiro, a programación finalizará cun concerto clásico. Todo iso en horario de Mercado e a partir das 12:00 do mediodía.