Investigan penalmente a un mozo do Porriño por conducir de forma temeraria na zona de lecer da Ramallosa

A Garda Civil investiga penalmente a un mozo do Porriño por conducir de forma neglixente e temeraria poñendo en risco a súa integridade física e a das persoas que se concentraron para observar unha exhibición de derrapaxes na calzada e “queimado de rodas”, que protagonizou na zona de lecer nocturno da Ramallosa (Nigrán).

Os feitos, que ocorreron a madrugada do pasado 28 de novembro, ás 4:30 horas, foron investigados de oficio por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, ao ter coñecemento dun vídeo que se publicou en redes sociais, onde se evidenciaba o risco potencial deste tipo de exhibicións. Concretamente, neste vídeo escóitase unha voz que pon de manifesto o perigo das manobras ao dicir textualmente: “… como salga disparado mátanos…”.

Co apoio e colaboración do Posto do Porriño, púidose pescudar a identidade do condutor do vehículo, un mozo de 19 anos do Porriño, que foi notificado en calidade de investigado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido pola autoridade xudicial.