A Xunta négase no Parlamento a desafectar a vivenda dos mestres da antiga Escola Balinfra en Camos

A Xunta negouse este venres no Parlamento a desafectar a vivenda dos mestres da antiga escola Balinfra, situada na parroquia de Camos, no concello de Nigrán, para destinala a usos sociais. A deputada socialista Leticia Gallego propuxo, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Educación, que esta vivenda se destine a acoller a familias en situación de emerxencia, xa que esta casa se atopa baleira dende hai anos. “É inxusto que algunhas persoas non teñan casa e haxa unha deshabitada”, sentenciou.

Neste sentido, sinalou que o Concello de Nigrán “está en condicións de documentar ante a Xunta que esta casa está sen uso porque o seu consumo eléctrico segue practicamente inalterado; as persianas, baixadas; a leira está en estado de crecente abandono e o peche perimetral, derrubado”; o que “contradí as reiteradas respostas da administración autonómica afirmando que está ocupada”.

Ao fío disto, a voceira socialista lembrou que a casa esta cedida pola Consellería de Educación a unha profesora “que non vive nesta vivenda, senón noutro concello próximo do Val Miñor”. Fronte a isto, a cesión da casa á administración local implicaría uso social, ao igual que as demais casas de mestres do municipio que no seu día foron fogar dos profesores das antigas unidades e que hoxe albergan actividades veciñais, recreativas, culturais ou mesmo terapéuticas.

A negativa do PP no Parlamento contrasta con que o pasado luns 29 de novembro, o Pleno do Concello de Nigrán aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para solicitar de novo á Consellería de Educación a desafección da vivenda.