Nigrán arranca a programación de Nadal con teatro de sombras chinescas e un monólogo de Avelino González

O Concello de Nigrán, despois do acendido deste venres ás 20:00 horas con Tony Lomba e Manuel Manquiña, arranca esta fin de semana coa programación especial de Nadal coa obra de sombras chinescas “Carolina Ultrasónica” da Asociación Teatral Paso de Valverde (Arteixo) o sábado 4 ás 20:00 no Auditorio Municipal (público familiar). Ao día seguinte, domingo 5 ás 19:00 horas, o actor Avelino González ofrece o monólogo “Contos de contrabando” (+ 12 anos).

“Carolina Ultrasónica” é unha peza de teatro que fusiona as vídeo proxeccións coas sombras chinesas nunha clave cómica e baseada na ciencia ficción. Galicia, ano 2421. Carolina e o seu amigo alieníxena Pin viaxan xuntos polo espazo tendo mil aventuras. Nesta ocasión a súa misión será recuperar a fonte de enerxía vital para a Terra que o malvado interespacial Rodas Tolas roubou en Nova Compostela. Para iso viaxará por distintos planetas para atopar as pistas que os levarán ata o famoso criminal. Será capaz Carolina de recuperar a pedra máxica? Ou escachará o seu vello foguete no camiño?

Pola súa banda, o domingo o actor, narrador, tradutor e director de teatro Avelino González ofrece un monólogo a base de contos e anécdotas de Nigrán, fantásticos e reais. “Nigrán é un lugar fantástico. O que temos máis preto é o que menos nos chama a atención. Normal, pásanos a todos. En Nigrán hai unha cidade asolagada, hai un dragón e unha serea. As sereas, por certo, son bailadoras. Bailar é bonito porque alegra o corpo. Se o corpo está alegre alégrase o corazón. E co aniño que levamos, ben vén botar un baile, aínda que sexa por vía oral… Mentres non poidamos botarlle un agarrado! É que pasan máis cousas en Nigrán que en toda Nova York (proporcionalmente!)”, sinala Avelino.