Gondomar logra a colaboración da Xunta na limpeza de leiras delimitadas no plan de prevención de incendios

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse co director xeral de defensa do monte da Xunta, Manuel Rodríguez, e o director da empresa pública SEAGA, Pablo Arbones, para concretar os prazos e medios que se empregarán na limpeza de parcelas incluídas dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa dos núcleos definidos no Plan municipal de prevención y defensa contra incendios forestais de Gondomar.

Estes traballos enmárcanse dentro do convenio ao que está adscrito o concello de Gondomar, asinado pola Xunta de Galicia, SEAGA e FEGAMP, polo que a administración autonómica, tras o acordo alcanzado, executa de forma subsidiaria a limpeza daquelas parcelas que, finalizado o prazo legal, non procederon á limpeza dos terreos na data estipulada pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Paco Ferreira congratulouse ante a resposta do goberno galego facendo fincapé “na importancia que a colaboración entre administracións á hora de atender as necesidades ou demandas da poboación e o territorio” e nese senso agradeceu o interese amosado pola Xunta ante a demanda do goberno local.

Lembrou que estes traballos que, previsiblemente comezarán nas vindeiras semanas “son fundamentais para previr os incendios e, sobre todo, os danos naturais, materiais ou mesmo humanos que puidesen orixinar” e engadiu “que por iso toda implicación e axuda sempre son fundamentais”.

Traballos de limpeza

Na reunión, á que tamén asistiu o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, o director xeral de defensa do monte explicou que se actuará sobre un total de 300 hectáreas -algo máis de 3000 parcelas-, que suporá unha inversión de preto de 900.000 euros. Expuxo que serán firmes na execución subsidiaria da limpeza de terreos sirva para concienciar á veciñanza e lograr a súa colaboración para que asuman a importancia de cumprir a lei e manter as faixas secundarias de biomasa limpas.