Araújo acusa a Ferreira de “non defender o comercio local” ao apoiar ás grandes superficies de Porto do Molle

Manifesto Miñor empraza publicamente ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, a que diga de que lado está: se apoia ás grandes superficies transnacionais ou ao pequeno comercio local que paga os seus impostos no municipio, “dos que el cobra o seu magnífico salario”. “Levamos tempo alertando da estratexia do Sr. Ferreira a respecto do comercio local de Gondomar. Agora, por fin, acaba de sacar a carauta apoiando sen complexos a instalación das grandes superficies transnacionais no polígono de Porto do Molle en Nigrán. Iso explica o modelo que ás agachadas vén implantando Paco Ferreira en Gondomar, acelerado despois de expulsar do Goberno Municipal a Manifesto Miñor, que servíamos de contrapeso apostando polo comercio local e de proximidade”, sinala Antonio Araújo.

“Agora sabemos cal é a finalidade das chamadas humanizacións que o Sr. Alcalde anuncia negándose a dialogar coa veciñanza da Vila e cos comerciantes apostando unilateralmente por unha Vila dormitorio, sen vida comercial e aparentemente “bonita” pero, morta. A gravidade desta actitude está en que todos coincidimos en que hai que ordenar a mobilidade no centro da Vila e humanizar, como é o caso da Praza de Rosalía de Castro pero, antes hai que dialogar cos potenciais beneficiados senón queremos que sexan prexudicados e expulsados dos seus negocios e medios de vida: detrás hai moitas familias. Comezando por buscar alternativas ao aparcamento; por permitir a mobilidade nos horarios comerciais; por deseñar espazos urbanos versátiles que sirvan para montar eventos culturais, mercados, etc,; por plantar árbores que fagan que ese espazo sexa habitable e non un lugar hostil como foi a mal chamada humanización da Praza da Paradela”, advirte o voceiro de Manifesto Miñor.

Segundo Araújo, a Vila de Gondomar sen unha mínima mobilidade interna que permita recoller a compra, ou deixar os doentes á porta do fisioterapeuta, etc, “iso non é humanizar a Vila como di D. Paco Ferreira, usando un eufemismo cando en realidade quere dicir pechala e convertela nun espazo para a especulación inmobiliaria onde só poderán vivir aquelas persoas que poidan pagar uns alugueiros desorbitados”. “Os demais veciños teremos que ir mercar aos centros comerciais de Porto do Molle ou a Vigo. Ese é o modelo de Vila que promociona o Sr. Ferreira, mentres, por certo, as parroquias seguen sen servizos básicos como saneamento, auga pública ou fibra óptica”.

Dende Manifesto Miñor esixen unha vez máis a Paco Ferreira diálogo para defender o comercio local, tamén a través de promocións potentes e axudas, “cousa que neste momento non se fai”. Sobre este asunto, Manifesto Miñor presentará unha moción que se debaterá no vindeiro pleno extraordinario de decembro convocado por todos os grupos da oposición.