Nigrán inicia o proceso de contratación para humanizar a rúa Otero Pedrayo

O Concello de Nigrán iniciou o pasado 3 de novembro o expediente de contratación para humanizar a rúa Otero Pedrayo tras consignar o crédito e agardar por todas as autorizacións. Así, nos vindeiros días sairá a licitación esta obra considerada urxente e prioritaria para o goberno local e que conta cun orzamento base de 1.315.797 € dos que, según se acaba de aprobar, a Deputación de Pontevedra subvencionará 900.000 € a través do plan ReacPon e o Concello aportará 415.797 € a cargo do Remanente. A rúa, en estado calamitoso, vertebra o municipio ao comunicar o núcleo urbano de Nigrán (PO-552) con Panxón (Rúa Mariñeiro).

“Tras máis de 30 anos de abandono absoluto por parte da Xunta, o Concello a transformará en só un ano de titularidade municipal; esta é a gran obra que estamos desexando abordar. É de xustiza para os veciños que o veñen reclamando porque esta é de seguro a estrada peor conservada de toda a provincia, acumulando decenas de denuncias por caídas nas beirarrúas”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a máis de 6 anos de goberno instando á Xunta que asumise as obras por ser unha vía da súa competencia e, finalmente, optar o Concello no 2020 por solicitar a titularidade municipal. “O que non fixo a Xunta en décadas o liquidaremos nós nun ano, afortunadamente somos un Concello coas contas saneadas e podemos facelo”, incide. Así, finalmente, a rúa foi transferida ao Concello en xullo de 2020, a continuación o consistorio contratou o proxecto e, durante máis dun ano agardouse pola autorización da AXI para poder iniciar este expediente de contratación.

“A situación é absolutamente desastrosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas e uns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema. O cambio de imaxe será radical, faremos unha rúa moito máis amable para os seus veciños, un lugar polo que poder pasear, accesible de verdade e con puntos de encontro nos que poder pararse a charlar ou descansar, ese é o Nigrán para todos que estamos a construír e ao que se sumará esta estrada fundamental na vertebración do municipio”, resume o alcalde.

Proxecto de humanización

A humanización contemplada no proxecto comprende a totalidade da vía e inclúe a creación dunha nova zona verde nunha parcela municipal ao carón da rúa Costiña. O aspecto máis destacable será a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existe actualmente, o que causa problemas de sobrecargas nos días de choiva e desfeita do pavimento. Así mesmo, darase ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpran a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo así a estética da súa veciña rúa Mariñeiro. Os pasos de peóns serán, ademais, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.

Adicionalmente, contémplase renovar o asfaltado en toda a rúa e o cambio a iluminación LED con novos farois cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminarase o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións que aínda existe, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorgará a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementará con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Nigrán inclúe a rehabilitación dun espazo verde municipal de 450 metros cadrados ao carón de Otero Pedrayo, na rúa Costiña, co obxectivo de convertelo nunha zona de lecer para a veciñanza. Nel disporase dun circuíto biosaudable para facer exercicio ao aire libre, bancos e arboledo.