O Pleno de Gondomar celebrado este xoves aprobou a adxudicación da obra de remodelación e humanización da Praza Manuel Alonso a Civis Global por un valor de 1.168.394,850 euros. A proposta saíu adiante grazas á abstención do BNG. Partido Popular e Manifesto Miñor mantiveron o seu voto en contra. A intervención ten como obxectivo a recuperación da comunmente denominada “Alameda” e a súa contorna, para o uso fundamentalmente peonil. A idea principal deste proxecto é devolver o espazo público ao peón, cumprindo cos criterios da Rede Ágora. Dispoñerase dunha superficie continua en toda a praza, eliminando a dobre altura existente, e por tanto mellorando enormemente a súa accesibilidade, e permitindo ademais unha comunicación transversal entre todos os espazos, así como mellorando a conexión coa Igrexa de San Bieito.
Ademais da humanización da praza, esta actuación permitirá o cambio das conducións de auga, a separación da rede de abastecemento e pluviais e a mellora da eficiencia enerxética coa substitución das lámpadas existentes por led, o que permitirá un importante aforro no consumo enerxético. Coa humanización desta praza, a contorna pasará a gañar máis de 1000 m2 de zona peonil, quedando unha zona mixta para circulación de vehículos e peóns integrada na mesma de 400 m2 con preferencia para peóns, pero manténdose o tráfico rodado ascendente pola rúa Manuel Losada e descendente pola rúa San Bieito de acordo ao proxecto aprobado polo Pleno da Corporación do 21 de abril.
O convenio de 1 millón de euros asinado por Concello e Deputación forma parte do proxecto Reapcon posto en marcha polo anterior goberno provincial dentro do modelo Ágora que transformou a provincia, devolvéndolle o espazo aos cidadáns. O prazo de execución material será de 7 meses. O alcalde Paco Ferreira destacou que “con esta actuación o goberno municipal pecha un proxecto de remodelación integral do centro urbano onde a cidadanía pode gozar de áreas de lecer pensadas para toda a familia, con accesibilidade e eliminando ruídos e contaminación do centro da vila, un dos obxectivos da axenda 2030 e que segue o modelo Ágora da Deputación que xa se aplicou entre outros na Praza Rosalía de Castro”.
Novo “leira parking”
O Concello de Gondomar abrirá o seu cuarto “leira parking” con capacidade para 50 prazas, na rúa Manuel Losada, a tan só 43 metros da Praza Manuel Alonso. “Deste xeito os 20 estacionamentos que perdemos na praza, serán trasladados a este novo aparcamento, situado na mesma praza, gañando mesmo 30 novas prazas de estacionamento”, destacou o alcalde, Paco Ferreira.

