Piden que Pepe Costas teña unha rúa ou praza en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pepe Costas presentando a Cabalgata de Reis 2020.

Pepe Costas deixounos na madrugada do luns 8 de novembro aos 71 anos de idade. Cando se cumpren dúas semanas desde o seu falecemento, Sergio Dopazo Fernández pediu este luns ao Concello de Baiona a través do grupo de Facebook Val Miñor Diario dedicar unha rúa, praza ou tótem ao coñecido como a “voz” da vila. “Non quero que o nome desta bela persoa caia en balde”, asegura o mozo baionés, que continua dicindo que “foi un gran irmán desta vila e merécese moito e máis”. “Pepe Prais, eras máis que unha voz, eras cultura para os que puidemos gozar de tan boa e xentil persoa, sempre grande Pepe”.

Multitude de veciños e veciñas comparten a idea de que Pepe Costas merece que o seu nome permaneza para sempre en Baiona, e así o compartiron na rede social. “Moi boa idea, oxalá fagan algo”, “Creo que é boa idea e ben merecido teno”, “Grande Pepe si señor. As tardes de Interprais en Baiona”, “Esperamos que isto que pedimos para Pepe non quede no esquecemento e fágase algo ao seu mérito e que sexa recoñecido como el levou á nosa Baiona sempre no seu corazón”, “Por suposto, case vai unido á historia e os acontecementos de Baiona, era a súa voz e o seu espírito, dedicarlle unha rúa sería o mínimo para a súa memoria”, “Que menos, deuno todo polo pobo”, “Merécese moito e así non pasará desapercibido, unha persoa tan entregada a Baiona”, “Totalmente de acordo. Enorme embaixador e defensor do seu pobo”, son algunhas das moitas mensaxes publicadas en resposta á proposta.

Desde moi novo, Pepe Costas sentiuse atraído pola música, as festas e os actos sociais. Na década dos 60 foi o precursor dos famosos guateques que se celebraban no municipio todas as fins de semana en horario de tarde, nos 70 traballou como picadiscos na discoteca “Eva” de Praia América, nos oitenta fichou pola coñecida sala de festas “Novecento” de Gondomar e ao pouco tempo pasou a formar parte da discoteca “Interprais” de Baiona, onde estivo como DJ residente durante máis dunha década e foi aquí onde se gañou o pseudónimo de DJ Pepe Prais.

Combinaba estes traballos co de correspondente informativo. Pasou por Radio Popular, Cadena 100, Onda Cero Val Miñor, Vía Radio, Atlántico Diario, ValmiñorTV, TeleVigo ou Galivisión. Tras deixar o mundo das discotecas dedicouse xunto a un compañeiro a amenizar festas privadas e vodas. Co paso do tempo foi cambiando os traballos nocturnos polo diúrnos pero sen deixar de lado unha intensísima vida social que lle serviu para gañarse uns “galóns” dignos de admiración, e chegou a ser practicamente coñecido por todos.

Pepe Costas estaba presente en multitude de eventos celebrados en Baiona, participando activamente como “speaker”. Atrevíase con todo, desde actividades deportivas de calquera índole, actos sociais ou festas populares. Era a “voz” habitual da Cabalgata de Reis, o Entroido, as Cucañas Marítimas, a Regata de Gamelas ou a Carreira Popular “Andar e Correr”, ademais de presentar multitude de concertos e actuacións. Durante o verán, ofrecía tamén visitas guiadas polos recunchos da vila a grupos de turistas.

No 2018, o Concello de Gondomar recoñeceu a súa traxectoria como un dos principais precursores da marcha miñorana, entregado da man do alcalde, Paco Ferreira, durante un tributo dedicado á sala “Novecento”. Desde o Concello de Baiona tamén quixeron ter un recoñecemento especial polo seu labor de fomento do deporte municipal, nunha gala que se celebrou o pasado mes de outubro, e á que xa non puido asistir pola súa enfermidade.