O Inspector Xefe da Policía Local de Baiona colga o uniforme tras 26 anos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Pedro Alonso no seu despacho, coa súa colección de trofeos.

Tras 26 anos ao servizo de Baiona e outros 14 en Vigo, o Inspector Xefe da vila, Pedro Alonso, colga o seu uniforme e 15 días despois da súa xubilación formalizada o 5 de novembro a súa actividade cotiá parece que non cesa.

O ata o de agora mando da Policía Local de Baiona deixa o cargo coa sensación de que os cidadáns non só demandan seguridade senón que máis ben é un sentimento colectivo. “Creo que un municipio como Baiona non ten que vender seguridade senón que máis son as persoas a que a teñen que sentir”, aclara. A través do ti a ti e do boca a boca, considera que se lograron uns parámetros de seguridade moi bos. Con todo admite irse non demasiado contento en termos cuantitativos sobre a cantidade de axentes no municipio. “Deberían de ser case o dobre, agora mesmo na rúa hai 9. Ano tras ano informei das carencias pero claro eu era un técnico e non goberno”, engade. E é que o cansazo e as horas extras sistemáticas non son bos aliados porque calquera funcionario é máis eficiente que unha persoa que non deixa de duplicar quendas. Outra das materias pendentes para el é que a día de hoxe non se haxa actualizado acorde á realidade a Lei de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado de 1986, aínda que se incluísen moitos aspectos actuais. “É un bo momento para pensar que os servizos públicos son moi necesarios o que si que é certo é que nunca estiveron tan ben formados como agora pero necesítanse máis medios”, engade.

Agora dedicará seu tempo facer o mesmo que facía antes, “pero con máis tempo”. Dedicarase gozar do seu municipio, Oia, facendo actividades ao aire libre. “Gústame moito pasear polo monte, ir pescar, correr, montar dacabalo. En definitiva, gústame vivir aquí”, finaliza.

“En 1995 Baiona quería cambiar, apostaron por un sarxento”

Tras 40 anos en activo fai un varrido e a súa conclusión é que os tempos cambiaron e moito. Segundo relata en 1995 Baiona quería dar un cambio á formulación dos corpos e forzas de seguridade locais. “Daquela apostouse por un sarxento e foi o primeiro municipio do Val Miñor que sacou a praza”, lembra.

Buscábase a modernización da Policía cuns criterios de seguridade claros, xa que por aquel entón era o demandado pola poboación nun municipio con marcado acento turístico. Servíndose da súa experiencia labrada con martelo e cincel nun Vigo dos 80 marcado pola drogodependencia e o boom da movida, chegou á vila e comezou a aplicar un modelo diferente por aquel entón. “Todos nos puxemos a funcionar ata que no ano 2000 aproximadamente convertémonos nun referente de corpos medios dentro do ámbito autonómico”, relata. O concepto da marcha en Baiona era moi distinto ao de hoxe. Cun movemento temporal centrado no verán, os locais de copas seguían a mesma tendencia con establecementos que ano tras ano ían cambiando de nome e de propietarios o que creaba un panorama pouco serio e anárquico. Algo que co tempo lograron encarrilar.