Maica Larriba lembra ás 25 vítimas que perderon a vida nas estradas da provincia no que vai de ano

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, cualificou como inasumibles as cifras de falecidos que rexistra a provincia no que vai de ano, e que superan xa “as contabilizadas no 2019 e 2020”. Así o indicou no acto de lectura do manifesto e minuto de silencio organizado pola Xefatura Provincial de Tráfico con motivo da celebración do Día Mundial en Recordo das Vítimas de Tráfico.

Maica Larriba quixo lembrar a todas as vítimas de accidentes de tráfico, e en especial “ás 25 vítimas mortais que levamos na provincia de Pontevedra no que vai de ano. Sobre todo, aos catro peóns atropelados e aos sete motociclistas que faleceron nas estradas provinciais. Son cifras que superan xa ás rexistradas nos dous anos precedentes e que demostran que a actividade recuperouse tras os meses máis duros da pandemia”.

Do total de accidentes mortais rexistrados nas estradas da provincia en 2021, nove producíronse en saídas de vía, sete en accidentes por colisións frontais e outros sete con colisión frontolateral. Larriba informou tamén de que a maioría dos accidentes con vítimas mortais prodúcense en vías convencionais, “aínda que neste ano temos cinco falecidos en vías urbanas”.

“Son cifras inasumibles”, expresou a subdelegada, “xa que a pesar de que o volume global de accidentes con feridos graves e leves mostran unha tendencia decrecente ao longo deste ano na provincia, as vítimas mortais xa superaron as de anos precedentes”.

Larriba quixo chamar a atención sobre “os descoidos e distraccións, que seguen estando detrás da maioría destes accidentes”. Así mesmo, a subdelegada quixo destacar “que rexistramos unha taxa do 1,77 % de positividade cando se realizan controis de alcol, unha cifra que se eleva ata o 53 % no caso dos controis de drogas”. Estas cifras son moi similares ás de anos anteriores, aínda que, como lembrou a subdelegada, “este ano o volume de probas incrementouse no caso do alcol nun 3 % e, no caso dos controis de drogas, en máis dun 40 %”.

Por outra banda, Larriba informou que “a Garda Civil de Tráfico interpuxo no que vai de ano máis de dous mil setecentas denuncias a condutores por carecer do preceptivo cinto de seguridade. Un xesto, o poñerse o cinto, que debería de ser automático cada vez que unha persoa sóbese ao seu automóbil”.

Por último, a subdelegada realizou un chamamento “á responsabilidade individual durante a condución”.

Década de Acción para a Seguridade Viaria 2021-2030

A celebración deste ano vén marcada polo inicio da nova Década de Acción para a Seguridade Viaria 2021-2030. O Día Mundial 2021 pon o foco na redución da velocidade do tráfico: velocidades baixas, que teñen o potencial de previr moitas mortes e lesións graves, en particular as de peóns e todos os demais usuarios vulnerables da estrada: nenos, anciáns e persoas con discapacidade.