Vilas recupera o seu “banco con vistas”

Un mes exacto despois da súa subtracción, o lugar de Vilas en Morgadáns reestrea con orgullo o banco que con aires renovados servirá para atraer a curiosos e apaixonados das panorámicas. E é que a 400 metros de altura, “A Laxe do Millo” ofrece unhas vistas de excepción tanto á costa como ao interior da comarca.

Membros da Comisión de Festas María Auxiliadora de Vilas comezaron coa súa instalación desde primeirísima hora da mañá de onte para ter todo disposto para a súa inauguración oficial prevista a media mañá. A culpable de que o miradoiro volva estar completo ten nome e apelidos: Yaiza Súarez, canaria e galega de adopción desde fai sete anos, decidiu achegar o seu gran de area á causa aos poucos días de que se fixese público o roubo do banco de Vilas, inaugurado por primeira vez en maio de 2021.

O renovado miradoiro ten un valor engadido e é que foi construído coas súas propias mans sen experiencia previa. No respaldo, un gravado dá a benvida aos visitantes acompañado do escudo da comisión e a rúbrica da súa autora xunto coa data. “Síntome feliz por velo instalado e espero que poidan gozar del moitas xeracións”, manifesta Suárez. O actual mide dous metros de longo e case duplica ao seu antecesor. Unha vez máis a súa artífice reitera con sorna que deste xeito “cabe máis xente”. A posta de longo do elemento de descanso coincidiu coa festa magosto celebrada no local da comisión de festas a poucos metros. A ela acudiron numerosos representantes da asociación, o pedáneo de Morgadáns, Alfonso Misa; o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; ou os edís Nuria Lameiro e Jose Manuel Chamorro.

O presidente da agrupación, Jose Luis Alonso Felipe, aproveitou para darlle as grazas a todas as persoas que desinteresadamente contribuíron á súa instalación que se alongou durante preto de catro horas. “O que sacamos en limpo é que cando alguén nos saca algo detrás virá outro que nolo volverá a dar de maneira altruísta”, asevera. Tanto Ferreira como Misa agradeceron enormemente o xesto de Yaiza e adiantaron que cara ao mes de febreiro o acondicionamento de “A Laxe do Millo” completarase coa plantación dun carballo e a colocación de varias mesas para converter o lugar nun pequeno merendeiro, todo por conta da Entidade Local Menor de Morgadáns.