Nigrán celebra un pleno infantil coincidindo co Día Mundial do Neno e a Nena

O Concello de Nigrán acolleu este venres unha sesión plenaria especial protagonizada polos nenos e nenas de Nigrán a través do Consello de Participación Infantil e Xuvenil municipal. Este foi o acto central da localidade coincidindo co 20 de novembro, Día Mundial do Neno e a Nena, nunha semana na que ademais dous voceiros do Consello acudiron ao Parlamento de Galicia para participar tamén nunha sesión similar e, a maiores, crearon unha campaña para apagar durante media hora as luces dos fogares.

Os vinte nenos e nenas, representando aos diferentes coles e os dous institutos da localidade, centraron as súas preocupacións no cambio climático e a sostibilidade ambiental. O alcalde de Nigrán, Juan González; a edil de Educación, Marina Vidal; e o voceiro da oposición, Carlos Abal, representaron á corporación. Os pequenos concelleiros demandaron do Concello cuestións como continuar cambiando o alumeado por tecnoloxía LED, fomentar o transporte público e o uso da bicicleta, incidir na importancia de reutilizar e reducir ademais de reciclar, instalar máis puntos de recarga para vehículos eléctricos, crear hortos comunitarios ou insistir nas campañas de mercar no comercio local. Na quenda de rogos demandouse ao rexedor que non se instalase un parque eólico na serra da Groba, en Baiona, cuestión que o propio alcalde asumiu como propia e que, de feito, o goberno local aprobara xa en sesión plenaria, sendo o primeiro do Val Miñor en facelo.

“O Concello de Nigrán vén traballando precisamente nesta liña e seguiremos reforzando estas cuestións, pero tomamos nota de todo porque sen dúbida este tipo de propostas nos axuda a facer un Nigrán máis amigable coas persoas e co medio ambiente”, indicou o rexedor.

“Detrás deste pleno hai moitos meses de traballo; estou moi agradecida a estes nenos e nenas porque sempre se amosaron implicados e interesados, como política e educadora, sempre recordarei ese día con moita emoción e cariño”, sinalou a edil de Educación, Marina Vidal, ao concluír.

Finalmente, despois da sesión, realizaron o acendido dunha árbore de Nadal situada na entrada ao Auditorio Municipal e realizada por eles mesmos con material de refugallo que foron xerando nunha semana nas súas casas: envases, latas, envoltorios…