Autocine en Nigrán coa película “La Estrella”

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información á Muller (CIM), conmemora este ano o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, cunha campaña específica e coa proxección da longametraxe “La Estrella” o domingo 28 ás 19:00 horas en autocine no Campo de Redes (Praia América). A cabida de autos é limitada e os interesados en asistir deben reservar o espazo para o seu vehículo a partir do luns 22 en www.autocine.gal e acudir ao lugar con antelación suficiente.

A longametraxe de Alberto Aranda narra como Estrella (Ingrid Rubio), unha optimista moza de barrio, traballa como limpadora e vive co seu noivo nun humilde apartamento de Santa Coloma. Conserva a súa alegría e entusiasmo a pesar das dificultades que a rodean, especialmente os malos momentos que está a vivir unha compañeira de traballo (Carmen Machi). Está baseada na novela homónima de Belén Carmona, sendo un drama de superación fresco protagonizado por mulleres.

Igualmente, o Concello de Nigrán participa na conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro cunha nova campaña, xa iniciada, baixo o lema “Non dá igual 25 N contra as violencias machistas”, deseñada ex-profeso para Nigrán polo recoñecido artista gráfico galego David Sierra. Como é habitual, o sector do comercio e as entidades involucraranse novamente nesta edición vestindo de negro os establecementos en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia ou de lila en referencia ao rexurdir da forza das mulleres que se levantan contra a violencia. O obxectivo é converter a localidade nun gran escaparate que transmita unha mensaxe de rexeitamento da violencia de xénero e solidariedade coas vítimas. Nos anos anteriores máis de 160 establecementos de todo tipo participaron e o obxectivo é superalo.

Finalmente, o Concello convoca á veciñanza o propio día 25 ás 11:00 na Praza do Concello para ler un manifesto e gardar 1 minuto de silencio por todas as mulleres vítimas da violencia de xénero.

25-N

O día 7 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Dende 2003 ata setembro de 2020, a Delegación do Goberno rexistrou 65 asasinatos machistas en Galicia e 1.081 no Estado; dende o 2013 ata 2019, 278 menores foron vítimas mortais da violencia de xénero. Por todo elo, o Concello de Nigrán considera que a situación actual precisa dunha resposta unánime de rexeitamento de todas as formas de violencia.