
O que levaban días anunciando as previsións finalmente confirmouse este sábado na baía de Baiona. O escaso vento que prognosticaban os mapas non logrou nin gañar intensidade nin estabilizarse o necesario para que se puidese disputar a cuarta -e penúltima- xornada da Liga de Outono AEDAS Homes J80.
O comité de regata deu saída a unha proba pero os barcos só puideron completar a primeira das dúas cinguidas do percorrido barlovento sotavento programado, e ao pouco de iniciar a popa, un gran role de vento obrigou a suspender a manga. Buscouse entón unha nova localización para o campo de regata co obxectivo de atopar o ansiado vento, pero os intentos acabaron sendo errados e deuse por suspendida a xornada.
Sen puntos que sumar á clasificación, a táboa mantense intacta co Marías do portugués Manel María Cunha e o Okofen do vigués Javier de la Gándara na cabeza, ocupando a primeira e segunda posición con 9 e 11 puntos respectivamente. No terceiro posto atopamos ao Cansino de Alejandra Suárez, con 22 puntos.
Chegarán así á quinta xornada que se celebrará o próximo 18 de decembro. Será, sen dúbida, unha etapa emocionante, non só por ser a última da competición, senón porque, se se logra disputar unha proba máis, entrará en xogo un descarte, o que permitirá ás tripulacións eliminar o seu peor resultado ata o momento.