Gondomar celebra unha nova edición de “As Tapas do Conde”

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, en colaboración coa Concellería de Comercio do Concello de Gondomar, organiza do 27 de setembro ao 6 de outubro a 7ª edición de “As Tapas do Conde”.

A cita gastronómica foi presentada esta tarde polo alcalde, Paco Ferreira, que estivo acompañado pola responsable de Comercio, Rocío Goberna, e o presidente de OVALMI, entre outros. Ferreira agradeceu a implicación da Asociación de Empresarios “nestas iniciativas que reforzan ao pequeno e mediano comercio e á hostalería da nosa localidade” e engadiu que é fundamental “que as administracións esteamos ao voso lado arrimando o ombreiro. Creo que neste sentido o noso goberno sempre estivo á altura promocionando actividades que permitan impulsar a economía local”.

Explicou durante a presentación que nesta ocasión contouse coa colaboración do Centro Juan María de Nigrán, responsable do deseño e elaboración dos flyers de promoción, sendo autores do deseño dos manteis que lucirán durante o concurso nos establecementos os alumnos do obradoiro de emprego de deseño gráfico, desenvolto en Gondomar.

Este ano serán 9 os establecementos hostaleiros de Gondomar participantes, que presentarán dúas tapas, unha doce e outra salgada, a un prezo de 2,50 eutos, convidándonos a facer un percorrido gastronómico no que poderemos degustar exquisitas e elaboradas tapas ao longo destes días de celebración.

As persoas que se acheguen a probar estas deliciosas receitas, poderán votar e elixir a “Mellor Tapa 2019”, tanto na modalidade de doce como na de salgada, a través das papeletas que se poderán atopar en todos os establecementos participantes e as cales deberán ser depositadas, unha vez cubertas correctamente, nas urnas dispostas para tal efecto.

Este ano contan co patrocinio de Expert Gondomar, Viaxes Zafiro Tours Gondomar e Talaso Atlántico. Os premios que se sortearán entre todos os votantes son unha Tablet, un Percorrido Mariño e unha noite de hotel 4* en Ofir – Portugal. Desde OVALMI animan a visitar Gondomar e degustar as deliciosas Tapas do Conde, preparadas por grandes hostaleiros do municipio.

Anuncios