A Garda Civil imparte unha charla sobre os perigos da internet aos pais do CEIP Fontes Baíña

Pais e nais de alumnos do CEIP Fontes Baíña asistiron a unha charla informativa sobre as novas tecnoloxías, impartida por dous efectivos da Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán. O obxectivo principal é que coñezan os riscos asociados ao uso da internet e as redes sociais. Os axentes transmiten aos proxenitores a importancia de ter coidado co que os seus fillos publican na rede, e explícanlles en que consiste o grooming, o sexting ou o cyberbulling.

A actividade enmárcase no proxecto da ANPA “A igualdade: un mar de oportunidades”, subvencionado pola Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a través do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas Contornas para o curso 2021/2022, impulsado desde Delegación do Goberno en Galicia e a alta Inspección de Educación, e que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova.

Desde o comezo do curso, o CEIP Fontes Baíña está a traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a través deste proxecto da ANPA centrado en tres eixos: as mulleres do mar de Baiona, a formación sobre o uso adecuado da internet e das TIC e a eliminación dos estereotipos de xénero. O proxecto finalizará o 25 de novembro coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero no que a comunidade educativa renderá unha homenaxe moi especial á ex alumna do centro, Águeda González Portela.