Talaso Atlántico e a Universidade de Santiago de Compostela celebran entre o 15 e o 18 de xullo unha nova edición do seu curso de verán de Oncoloxía Integrativa. O encontro reunirá a 23 expertos, dos máis destacados de España, en epidemioloxía, coidados oncolóxicos, atención primaria, así como profesionais doutras disciplinas responsables de programas e iniciativas que apostaron por unha medicina máis humanística para abordar esta enfermidade. Boa parte do curso centrará os seus esforzos en analizar as principais liñas de actuación para previr a enfermidade. Neste sentido e na primeira xornada do Curso parte dos relatores centrarán a súa intervención en poñer en valor os últimos avances nesta materia co obxectivo de lograr unha diminución na incidencia da enfermidade. Nesta dirección abordará o seu relatorio Marina Pollán, directora do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, centro líder en investigación epidemiolóxica en España. Pollán participou no estudo MCC Spain, onde se analizaban os estilos de vida de miles de persoas e como identificaban certas condutas elevaban o risco de desenvolver cancro. Tamén participará no curso José María Pumarega, do grupo de Recerca en Epidemioloxía Clínica e Molecular do Cancro do Instituto Hospital do Mar de Investigacións Médicas, un grupo referente no estudo da exposición a tóxicos no medio ambiente doméstico. Pumeraga avanzará as últimas investigacións en tóxicos ambientais.
Nas xornadas seguintes o curso tamén abordará a importancia de potenciar a creación de equipos humanos multidisciplinares de atención a enfermos de cancro así como de priorizar o papel da Atención Primaria. Para profundar sobre estas cuestións, o encontro contará coa presenza dun referente na oncoloxía humanística, Francisco Barón Duarte, ex-coordinador do Plan Galego de Coidados Paliativos e coautor do libro Bioética e oncoloxía. Acompañaranlle Francisco Gil Moncayo, coordinador da Unidade de Psico-oncoloxía do Instituto Catalán de Oncoloxía-Hospital Duran e Reynals así como Pilar Lianes Barragán, xefa de oncoloxía do Hospital de Mataró e membro da Sociedade Española de Oncoloxía Médica.
Entre os programas que xa se puxeron en marcha para potenciar a prevención e unha medicina máis humanística, o curso contará coa presenza de Carlos Piñeiro, médico de familia en Narón e responsable do Programa 100.000 motivos de peso, que obtivo o Premio Europeo da Obesidade. Esta iniciativa pretende reducir o sobrepeso e en sedentarismo na localidade de Narón durante 2 anos e, en consecuencia, a incidencia de enfermidades relacionadas con estes hábitos de vida. Fernando Gil, Catedrático de Socioloxía da U de Salamanca, abordará a necesidade de potenciar as Humanidades na formación dos futuros profesionais das Ciencias da Saúde.
Ademais, o curso insistirá na importancia de separar, dentro das chamadas Terapias Alternativas e Complementarias (TACs), as que non mostraron eficacia e non está dirixidas por profesionais cualificados, das que si o son. Neste sentido, o director do Curso, o director médico de Talaso Atlántico, Salvador Ramos, incidirá no concepto actual de Medicina Integrativa e no papel que a Medicina Termal pode achegar ao proceso de atención aos pacientes oncolóxicos como é o caso do Programa de Coidados Integrais para persoas afectadas por cancro que este establecemento leva a cabo. Lourdes Vázquez Odériz, profesora de Nutrición e Bromatoloxía da USC tamén apoiará este asunto, ou Eduardo Ortega-Pincón, director de proxectos de investigación no campo da balneroterapia.
O curso contará con obradoiros dirixidos a profesionais, pacientes e familiares, para mellorar a comunicación; así como para elaborar menús saudables e apetitosos. As profesionais de Enfermería, Fisioterapia, Ciencias do Exercicio, así como as Asociacións de Pacientes, participarán en diversas Mesas Redondas.

