A baionesa Natalia Sierpes, vencedora da Pontevedra Trail League

Bo ambiente no Paseo da Alameda da Guarda nos prolegómenos do Trail do Trega que se ten celebrado na mañá deste domingo. Máis de 450 atletas tomaban parte na saída do que sería a última das probas da Pontevedra Trail League, tras as celebradas no Rosal e Tui nas datas anteriores. 15 km de percorrido cun desnivel de case 800 metros, para constantes subidas e baixadas dende un monte Santa Trega que presentaba un aspecto espectacular, coas augas do mar atlántico aos seus pés e os ancestrais castros celtas “observando” o paso dos participantes.

A carreira absoluta masculina foi moi competitiva na primeira parte. Así, de saída o portugués Carlos Silva marcou un forte ritmo con Óscar Guerra, Marcos Fernández e José Manuel Fernández tentando de seguilo. Sería a partires da metade da carreira, cando o morracense José Mª Lorenzo collería a cabeza, a que xa non deixaría ata o final, entrado primeiro na liña de meta cun crono de 1:21:48. En segunda posición entraría Marcos Fernández de Salvaterra con 1:23:54 completando o podio o cambadés Óscar Guerra, nunha final moi axustada e emocionante co propio Marcos e o rosaleiro José Manuel Fernández, que só podería finalizar 4º.

A categoría feminina tivo unha dominadora máis clara, coa porriñesa María Martínez, comandando as operacións dende o arranque, e parando o crono en 1:41:50 en meta. Tras ela, a viguesa Elena Rosell non viu perigar nunca ese segundo posto do caixón, finalizando con 1:43:26. A terceira praza, a máis de tres minutos, para Natalia Sierpes de Baiona, 1:47:08.

Tamén era o día de saber quen se alzaba co triunfo na “xeral” da Pontevedra Trail League, sumando ao cómputo de posicións en cada unha das competicións. Así, Maxi Oubiña de Cambados e Natalia Sierpes de Baiona son os vencedores absolutos deste ano 2021. Tamén se entregaron premios aos gañadores nas distintas categorías.

Punto e final a este ano da Pontevedra Trail League, que, tal e como dixo o Deputado de Deportes da Deputación, Gorka Gómez, nas distintas presentacións, vai a ter continuidade no 2022, coa intención de seguir sumando sedes ás tres desta edición.