A Xunta pide tranquilidade respecto ao proxecto eólico na Groba: “tramitar non é o mesmo que autorizar”

A Xunta quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade: o futuro da eólica en Galicia seguirá pasando por unha planificación ordenada que achegue seguridade xurídica ao sector e á sociedade ao tempo que se dá prioridade a un desenvolvemento compatible co medio natural.

“Todos os proxectos que se avalían en Galicia contan coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais; porque tramitar non é o mesmo que autorizar. Do mesmo xeito, que un proxecto se declare como iniciativa empresarial prioritaria non significa, en ningún caso, que o parque eólico estea autorizado, senón que contará cunha tramitación máis áxil: supón darlles prioridade e reducir os tempos de tramitación. Pero debe contar con todos os informes sectoriais necesarios e cunha declaración de impacto ambiental favorable”, apuntan desde a administración autonómica.

No caso do proxecto eólico Albariño I, con data de 26 de outubro deste ano o Instituto de Estudos do Territorio (IET) emitiu un informe de impacto e integración paisaxística sobre o devandito proxecto no marco do procedemento de declaración de impacto iniciado pola Administración galega. A principal conclusión da análise do IET é que o proxecto presentado tería impactos críticos xa que alteraría os valores das áreas de especial interese paisaxístico afectadas -concretamente, Serra da Groba, Corroubelo e Chan de Valga-.

“Cómpre subliñar que este informe non é vinculante pero, ao igual que o resto dos que se solicitaron a outros organismos sectoriais, terán que ser valorados no seu momento pola Administración autonómica á hora de decidir se se autoriza ou non o proxecto”, conclúen desde a Xunta.