A oposición de Gondomar solicita un pleno extraordinario para debater mocións e poder facer preguntas

A voceira do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, rexistrou este luns no Concello un escrito, asinado por todas as forzas políticas da oposición, no que solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para poder debater varias mocións que veñen arrastrándose dos plenos anteriores, e outras presentadas para este, debido a que o alcalde non permite alongar os plenos mais alá das catro horas e a negativa a convocar un pleno extraordinario onde poder debater as mocións que seguen pendentes, algunhas delas dende o mes de outubro.

“No pleno do pasado 7 de outubro quedaron sen debater nove mocións presentadas polos grupos da oposición, iniciativas moitas delas de gran calado que de ser debatidas e aprobadas serían de moita axuda para mellorar as condicións de vida de todas as persoas de Gondomar. Estas mocións, xunto con outras presentadas, foron ao pleno do 11 de novembro quedando todas sobre a mesa por falta de tempo para debatelas”, argumentan os membros da oposición asinantes da petición do pleno extraordinario.

Entenden os concelleiros que o Alcalde pon cada vez máis atrancos ao exercicio de fiscalización por parte dos membros da oposición así como a debater asuntos importantes para os veciños que se levan a pleno en forma de moción. Aseguran que moitas destas iniciativas son importantes e urxente levalas a cabo para mellorar, na medida do posible, as condicións de vida de moitos veciños, comerciantes e hostaleiros. Explica a voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós, que esta actitude do alcalde fai que todos os membros da oposición se xunten e cheguen a consenso para presentar estas medidas, que non serían necesarias si o alcalde actuase con outro talante.

Solicitan ademais que nas tres moción presentadas por diferentes plataformas, e que forman parten dos tres primeiros puntos da orde do día, sexan os representantes das mesmas quen fagan a lectura da moción, para posteriormente ser debatida e votada polos membros da Corporación Municipal.

A orde do día que propoñen está composta por 18 mocións e rogos e preguntas a facer polos diferentes grupos da oposición.
1. MOCIÓN FENDA DIXITAL-GONDOMAR FIBRA XA!
2. MOCIÓN TRANSPORTE ESCOLAR ENSINO NON OBRIGATORIO – AVTG
3. MOCIÓN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA.
4. MOCIÓN SOBRE O ESTUDO E INSTALACIÓN DE PANTALLAS ACÚSTICAS.
5. MOCIÓN NON CONVOCATORIA REUNIÓN PRADO.
6. MOCIÓN POLOS NOVOS CORTES DE LUZ 02 OUTUBRO 2021.
7. MOCIÓN PLAN DE EMERXENCIAS.
8. MOCIÓN SOBRE A PROTECCIÓN DO LOBO.
9. MOCIÓN PARA O RESPECTO E RESTITUCIÓN DAS PLACAS DE INAUGURACIÓN.
10. MOCIÓN ANTEPROXECTO LEI DE MELLORA DA XESTIÓN DO CICLO DA AUGA.
11. MOCIÓN PARA A NON DISCRIMINACIÓN DO GALEGO NA LEI XERAL DO AUDIOVISUAL DO ESTADO.
12. MOCIÓN 25N.
13. MOCIÓN SEGUNDA CONVOCATORIA AXUDAS POLO COVID-19.
14. MOCIÓN 25N 2021.
15. MOCIÓN CAMIÑO DE SERMÁN.
16. MOCIÓN COMEDORES E AULAS MATINAIS-NOV2021.
17. MOCIÓN TRANSPORTE METROPOLITANO.
18. MOCIÓN PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA PZA DE ROSALÍA DE CASTRO.
19. ROGOS E PREGUNTAS.

Paula Bouzós agarda que polo ben de todos os veciños, por parte do Alcalde se convoque o máis axiña posible este pleno e non se deixen caducar as iniciativas que se propoñen.