A empresa nigranesa Uarx Space, Premio Iniciativa Emprendedora 2021

Asesoría Estudio Emprendedor e Uarx Space son os gañadores da décimo sexta edición do Premio Joven Empresario e Iniciativa Emprendedora, respectivamente, organizados por AJE Vigo. Asesoría Emprendedor, de Vigo, posta en marcha por Nicolás Rey en 2014 foi no seu momento a primeira do ramo que naceu para ofrecer servizos especiais destinados aos emprendedores. O xurado tivo en conta, ademais, a proxección desta empresa que, na actualidade, conta con 29 persoas no seu persoal. Entre os seus servizos destacan os destinados a asesorar aos seus clientes na consecución de subvencións para emprender, para investir e para contratar. O gañador recibiu un programa de formación na Escola de Negocios Afundación de IESIDE e unha estancia gratuíta en oficina ou nave nun polígono de Zona Franca durante un ano.

Na categoría Iniciativa Emprendedora, o vencedor foi a empresa Uarx Space, unha compañía de enxeñería e loxística aeroespacial especializada no desenvolvemento de vehículos espaciais non tripulados. A empresa, con sede en Porto do Molle, en Nigrán, foi fundada por Yanina Hallak e Andrés Villa, ambos os dous enxeñeiros aeroespaciais. Entre os seus logros, ser a primeira empresa española en desenvolver un dispensador de CubeSat, que permite lanzar varios nanosatélites xuntos ao espazo nun mesmo “contedor” e poñelos en órbita cun custo moito menor. Os galardoados recibiron, tamén, un premio en formación en IESIDE e un aloxamento gratuíto nun viveiro da Deputación provincial de Pontevedra.

O xurado desta edición estivo composto por representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, Consorcio de Zona Franca de Vigo, IGAPE, Abanca, a Confederación de Empresarios de Pontevedra, AJE e a empresa Savino del Bene.

Accésits

Dentro da categoría Mellor Empresario/Empresaria entregáronse dous accésits. O accésit de Innovación foi para Versa, unha empresa con sede en Vigo, posta en marcha por Pablo Alonso Nodar centrada en ofrecer solucións de deseño e fabricación modulares a partir de contedores marítimos. A súa proposta é apta tanto para vivendas como para industria e comercio e contan xa con numerosos clientes e proxectos desenvolvidos.

O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial foi outorgado ao proxecto Astronauta, un centro de estimulación, desenvolvemento e aprendizaxe para adultos e nenos radicado en Vigo. Miguel Casal é un dos fundadores desta empresa formada por pedagogos, psicólogos e logopedas e especializada en intervención terapéutica de musicoterapia, pedagoxía, psicoloxía, estimulación da linguaxe e terapia sistémica familiar.

Ademais, durante a gala produciuse a entrega do Premio Honorífico a Rocamar, o restaurante de Baiona situado nunha contorna única e especializada en mariscos e peixes, posto en marcha fai case cincuenta anos por Ramón Rodríguez Quintas e Sara Rodríguez Novoa.

O acto, no que participaron preto de 100 invitados, celebrouse no Parador de Baiona e contou coa presenza de numerosas autoridades entre as que se atopaban o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; o delegado do Consorcio de Zona Franca de Vigo, David Regades, e o deputado provincial, Carlos López Font, entre outras personalidades do mundo empresarial de Galicia como o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vietes.