A economía azul sostible únese en Baiona para falar dos retos e oportunidades do futuro

Baixo o concepto de economía azul sostible englóbanse todas as actividades relacionadas co ámbito marítimo dun territorio, desde a industria navieira ao turismo de costa, pasando pola pesca. Por tanto, representa a maneira de obter riqueza a partir das materias primas e os alimentos, así como das actividades industriais ou do sector servizos que nos proporciona o mar.

En consecuencia, debemos ser conscientes de que se acabamos cos recursos dos mares e océanos soamente conseguiremos que a economía e o medio ambiente experimenten consecuencias moi negativas. Traballar para mellorar a sustentabilidade do mundo mariño é a prioridade para reducir este risco. Non podemos esquecer que os océanos son unha fonte de riqueza, pero tamén son unha parte fundamental do ecosistema da Terra pola súa rica biodiversidade.

Todos os axentes económicos involucrados deben ser conscientes da necesidade de buscar alternativas ao seu traballo que favorezan o mantemento dunha contorna sostible. Esta nova liña de traballo é a que empeza a trazar o Concello de Baiona coa posta en marcha do Blue Atlantic Forum, que se celebrará os próximos 24, 25 e 26 de novembro no Parador Conde de Gondomar. Esta mañá presentouse na Real Vila este foro.

O Forum, que xorde por iniciativa do Concello, é financiado por fondos concedidos polo GALP Ría de Vigo – A Guarda e cofinanciado por Deputación de Pontevedra, Abanca Mar entre outras entidades. “Desde un principio non dubidamos en apoiar a iniciativa presentada polo Concello de Baiona xa que desde Abanca é prioritaria a proximidade á contorna e o apoio á Economía Azul con proxectos aliñados cos obxectivos do desenvolvemento sostible”, declaran Javier Fraga, director de Abanca Mar, e Jose Luis Romero, responsable de Abanca Institucional.

Trátase dunha nova medida do goberno local de impulso á economía azul sostible que ten o obxectivo de crear un novo polo económico en Baiona, sumando competitividade económica e sustentabilidade ambiental ao sector marítimo. Para iso, ponse en marcha este foro que ten por obxectivo converterse no espazo de referencia da economía azul nos Estados Membros Atlánticos da Unión Europea.

Economía azul sostible en Baiona

A particular xeografía do noso país convértenos na segunda economía azul europea, soamente por detrás do Reino Unido, segundo datos de 2019 da Unión Europea. Así mesmo, se hai unha cor que define a Baiona é o verde. Pero tamén o azul. Os seus quilómetros de costa que dan ao Atlántico dan boa conta da estreita relación co mar. Baiona sempre foi unha vila mariñeira e nun momento no que a economía trata de reinventarse, o Concello aposta por novos conceptos, como a economía azul, o blue growth ou crecemento azul. “Trátase dun concepto creado recentemente pola Comisión Europea dentro da súa estratexia atlántica, que aposta pola economía marítima como un dos principais impulsores do crecemento do futuro de Europa”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Por iso, o Parador de Baiona acollerá tres xornadas dedicadas a tres sectores da economía azul de vital importancia para o desenvolvemento sostible de Galicia en xeral e de Baiona, en particular. Desde o Concello de Baiona quíxose crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea. O foro tratará diversas temáticas transversais aos tres sectores representados: Turismo Marítimo e de Costa, Pesca e Acuicultura e Biotecnoloxía Mariña, tales como a formación, o financiamento, o emprendemento, o cambio climático ou as oportunidades que ofrecen as rías galegas na economía azul.

Para o Alcalde, “Baiona ten que superar a fase de vivir de costas ao mar. Agora tamén faremos que a economía mire cara ao Atlántico, cunha nova estratexia de economía azul con que potenciaremos a creación de empresas e postos de traballo de calidade en diversos sectores. Con esta nova medida de goberno abriremos un mar de oportunidades, sumando competitividade económica e sustentabilidade ambiental. Somos conscientes de que o mar é un motor económico e un activo de valor para Baiona, que implica unha vantaxe competitiva respecto a outras localidades e que debemos aproveitar para diversificar o noso modelo económico para lograr un crecemento económico máis innovador e sostible”.

A economía azul é un sector que inclúe actividades como a pesca; a industria; o deporte (lecer, saúde, cultura), a gastronomía, así como a enerxía, a ciencia e a tecnoloxía vinculada ao mar e os océanos “desde a sustentabilidade”. Baiona conta con catorce quilómetros de costa que quere presentar como “gran atractivo” para o seu desenvolvemento económico para actividades como a pesca, a náutica, o turismo azul, a investigación e a formación e educación mariña.

“O proxecto en si, á fin e ao cabo, é un compromiso cos veciños e veciñas de Baiona e con Europa. Temos unha responsabilidade á hora de xestionar toda a nosa contorna natural. Empezaremos a sentar as bases da sustentabilidade do Concello de Baiona. Trátase dun proxecto inédito xa que ata o de agora non houbo preocupación dos anteriores gobernos por este tema”, finaliza o rexedor.

Durante tres xornadas o evento reunirá a representantes dos sectores públicos e privados para analizar as posibilidades do mar, da biotecnoloxía e do turismo, desde distintos enfoques, entre os que se atopa en primeiro lugar o da sustentabilidade e en segundo plano a economía. En concreto, o primeiro día, 24 de novembro, está enfocado ao sector da pesca e a acuicultura. A xornada comezará ás 9:00 coa recepción das persoas asistentes. O Alcalde de Baiona será o encargado de darlles a benvida para despois comezar cun simposio que ten por título “O pacto europeo: cara a unha economía azul sostible”. Continuarase con “Rías galegas circulares”. Tras unha pequena pausa tratarase o tema “Do produtor ao consumidor: retos do consumo local de peixe”. Despois abordarase o financiamento para proxectos de economía azul e exemplos de boas prácticas en pesca e acuicultura. Poñerase fin á xornada cunha sesión acerca das conclusións extraídas dos distintos temas expostos ao longo do día.

O segundo día, 25 de novembro, a xornada estará dedicada á biotecnoloxía mariña, abordarase o concepto de: Que é a biotecnoloxía mariña?, As rías galegas como fonte de recursos biotecnolóxicos, As algas na gastronomía atlántica, oportunidades no campo da biotecnoloxía de formación na economía azul ou exemplos de boas prácticas en biotecnoloxía mariña para finalizar coa sesión de conclusións extraídas ao longo da xornada.

O venres 26 de novembro, o turismo será o protagonista da última xornada. Abordarase o tema do turismo na Axenda 2030.

Durante estas tres xornadas serán discutidos os principais eixos da economía azul en Galicia: a pesca, a biotecnoloxía, e o turismo costeiro tendo sempre a sustentabilidade como referencia.