A Área Sanitaria de Vigo edita novas guías para o tratamento antibiótico das infeccións en atención primaria

Con motivo do Día Europeo do Uso Prudente dos Antibióticos que se celebra hoxe, o Comité de Infeccións e Política Antimicrobiana da Área Sanitaria de Vigo, xunto co Grupo PROA (Programa de Optimización do Uso dos Antimicrobiáns), editaron unhas Guías 2.0 de “Tratamento empírico das infeccións máis habituais en Atención Primaria”, tanto de adultos como de pediatría. Trátase dun tríptico de bolsillo e en versión dixital, que os profesionais levan nas súas batas ou nos móbiles, de fácil manexo e de gran utilidade para a súa actividade diaria. A próxima semana van a presentalas e entregalas aos facultativos do primeiro nivel asistencial.

Segundo explica a coordinadora do Comité, María Teresa Pérez, “tras un traballo de revisión e actualización, aprobamos estas guías de tratamento co obxecto de adecualas aos últimos estudos científicos, que demostran que as pautas que estabamos a utilizar eran demasiado longas polo que era necesario adecuar a duración dos tratamentos antibióticos ao tipo de infección a tratar”.

De feito, o lema deste ano é “Máis non sempre é mellor” e céntrase na importancia de utilizar unha duración adecuada ao tipo de infección que se está a tratar. Así, as novas Guías recollen as novas recomendacións en patoloxías moi frecuentes como a infección de ouriños ou a pneumonía.

“Tradicionalmente, relacionábase os tratamentos curtos coa aparición de resistencias nas bacterias ou co fracaso clínico. Hoxe en día sabemos que é exactamente o contrario. A maioría das infeccións precisan de poucos días de antibióticos para resolverse. Ademais, a duración excesiva dos tratamentos antibióticos asóciase con máis efectos adversos como a diarrea, e coa selección de bacterias resistentes”, explica a doutora Pérez.

Menos días para a pneumonía ou a cistites

Hai 3 anos o Comité de Infeccións publicou nunha revista internacional a súa experiencia no tratamento de infección na sangue por enterobacterias. Neste estudo observouse que a duración de 7-10 días era igual de eficaz para a curación clínica que pautas de máis de 10 días. En definitiva, un menor tempo de utilización de antibióticos, deriva en menos efectos secundarios, máis seguridade para o paciente e igual eficacia clínica.

Así, nesta Guía recóllense as novas recomendacións para o tratamento de enfermidades como a pneumonía, que pasa da pauta actual entre 7-10 días de antibiótico a 5 días; a pielonefrite, que pasa de 10 a 7 días, ou a cistites, para a que se pauta 1 solo día de tratamento. Ademais, tamén se engadiron a este manual outros novos tratamentos, por exemplo o da infección por carrachas (que ultimamente é frecuente na poboación infantil).

Redución de antibióticos

Os antibióticos son uns dos fármacos utilizados con máis frecuencia pola poboación. Sen embargo, en moitas ocasións, o seu uso non é o más adecuado. España é un dos países do mundo cun consumo de antibióticos máis elevado. Nos últimos anos se están desenvolvendo múltiples estratexias a nivel estatal e comunitario para promover un uso adecuado destes fármacos.

Na Área de Vigo elaboráronse diferentes guías de tratamento que axudan á facultativos a elixir o mellor antibiótico en cada situación. Ademais, leváronse a cabo diferentes cursos, sesións clínicas e asesorías antibióticas co fin de mellorar as habilidades de prescrición. As guías revísanse e actualizan periodicamente, tendo en conta a información microbiolóxica da área e as recomendacións internacionais.

Grazas a este traballo, a Área Sanitaria de Vigo conseguiu reducir o uso global dos antibióticos nun 30% nos últimos seis anos.